inicio | presentación | propostas educativas | descarga de materiais | noticias | publicacións e enlaces | ocio | buzón | contacto

 

Facendo Familias conta cun material específico para a educación infantil.
Consta do seguinte:

1. Guía educativa: Na que se describe o contido e metodoloxía da proposta, presentando e describindo as diferentes actividades e materiais, e as instrucións para a súa aplicación.

2. Caderno de consulta: Contén unha achega teórica a diferentes aspectos abordados na proposta, relacionados coa estrutura familiar e os seus elementos significativos, o bo trato, e outras cuestións de interese, xunto con recomendacións de materiais (bibliografía, enlaces Web) de utilidade para o traballo educativo.

3. Caixa de ferramentas: Para a aplicación das actividades na aula, son precisos algúns materiais (tarxetas, debuxos...) que facilitamos nesta “caixa”, e que veñen especificados nas actividades pertinentes.

4. Xogo educativo: “As familias no mundo”: Para poder percorrer e coñecer algo máis sobre as diferentes realidades familiares no mundo, dun xeito rápido e ameno.

descarga o material educativo

Indicacións para a aplicación da proposta na aula ou grupo:

Na Guía atoparás todas as indicacións precisas para a aplicación da proposta. Nas páxinas 11 a 13 descríbese o material, os obxectivos, as actividades, e a fundamentación da mesma, xunto cun cadro que relaciona as áreas curriculares coas diferentes actividades.

Nas páxinas 15 a 25, descríbense as 22 actividades que propoñemos.

Os materiais da proposta educativa Facendo Familias permiten a súa aplicación paulatina e flexible, adaptándose aos ritmos da aula.

Se ben conta cun número importante de actividades, non é imprescindible levalas a cabo todas; poden combinarse e coordinarse cos demais contidos educativos, e aproveitar para introducir outros obxectivos instrumentais (debuxo, lecto-escritura, etc).

Moitas das actividades teñen unha dimensión na que os nenos e nenas farán participar dalgún xeito ás súas familias, sendo isto tanto un medio coma unha finalidade da proposta. Porén, será preciso administralo con xeito, para non provocar cansazo nestas, o que podería ser contraproducente co proceso de aprendizaxe e sensibilización que buscamos. Será tarefa vosa seleccionar as actividades máis adecuadas para cada momento, e decidir espazalas ou concentralas en función das peculiaridades da aula.

Nas fichas de cada unha das actividades especificamos os tempos aproximados que se necesitan para traballala, así coma as tarefas que se levarán “para casa”. Estes aspectos axudarán á planificación das mesmas e a súa distribución ao longo do curso.

Todas as actividades propostas encádranse nunha perspectiva constructivista do proceso de ensino e aprendizaxe. Deste xeito, independentemente da metodoloxía que o educador ou educadora queira adoptar na súa aula, atopará sempre un xeito de encadrar a actividade proposta.


Facendo Familias

Meniños Fundación para a Infancia | 902 220 707

FACENDO FAMILIAS EDUCACIÓN INFANTIL | material e indicacións
castellano | galego