25N Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

|

Imaxe: Freepik

Escoitei “violencia de xénero” e imaxinei unha muller. Imaxinei unha muller que sofre, demasiadas veces en silencio, atrapada nunha relación perversa cun home que di que a quere á vez que a fere, que a cre da súa propiedade, que a manipula, a ningunea, a desacredita, a afasta dos seus seres queridos, a golpea, a insulta. 

E se ese home é tamén o pai dos seus fillos, das súas fillas? 

E pareceume ver unha nena, ou quizá era un neno, dá igual. Vina observando desde un recuncho como esa persoa á que chaman papá grita e insulta a mamá, a empuxa, a ameaza… mentres lle lembra o pouco que vale esa persoa que para ela é todo… se fai unha lea, se lle doea a cabeza, non sabe porque mamá e papá están a discutir, ela quere ao dous pero todo é confuso, hai un nó dentro do seu estómago e agora só quere fuxir, escapar, desaparecer. Ninguén explica nada, só hai ruído e bágoas, e medo, moito medo. Papá marcha dando un portazo e alí queda mamá, como inerte, coa mirada perdida. Esa nena necesita que a abracen pero esa mamá non pode facelo porque está conxelada, hai demasiada dor para poder conter o seu propio medo, o seu nó no estómago. Ser nai é complicado cando estás rota por dentro.

Este é un relato ficticio baseado en realidades das que son testemuña no meu traballo como terapeuta na Fundación Meniños, a través do cal pretendo sensibilizar e lembrar que a traxedia da violencia de xénero non afecta só as mulleres, afecta tamén as nais e polo tanto aos fillos e fillas.

A exposición á violencia de xénero é a forma menos recoñecida de malos tratos. As nenas e os nenos expostos tamén son vítimas, e a miúdo non son vistos.
Os malos tratos golpean emocionalmente e afectan estruturalmente os seres humanos en desenvolvemento. Ademais, a ausencia de intervención con TODAS as vítimas perpetúa o ciclo cronifícase xeración tras xeración.

Desde a Fundación Meniños somos conscientes da relevancia de deseñar intervencións que axuden aos nenos e ás nenas vítimas de violencia de xénero a reparar as consecuencias do dano xerado por estas situacións e promover o seu benestar, autorregulación, así como a súa resiliencia cognitiva, condutual, emocional e relacional; ao mesmo tempo que se prevén a instauración de patróns perversos que perpetúan a violencia. Para lograr este obxectivo e co apoio da Consellería de Igualdade, apostamos por ampliar os recursos e o alcance o noso programa de intervención con vítimas de violencia de xénero, que comezará a desenvolverse polas catro provincias galegas a partir de xaneiro do 2025. Esperamos que este sexa o comezo dun camiño que axude a promover unha sociedade con menos violencia e con máis conciencia.

Zaida Robles, Coordinadora
Programa de Atención a Vítimas de Volencia de Xénero

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *