
Benqueridos meniños e meniñas,
Hai 30 anos algunhas persoas pensamos que era posible transformar as vosas vidas, desde un lugar diferente, desde unha mirada apreciativa, empática e sen prexuízos. Poñéndonos á vosa altura, para mirar desde os vosos ollos.
Neste soño embarcámonos e asumimos o compromiso convosco, e coas vosas familias. Co corazón apuntando a que todos e todas puiderades gozar de algo moi sinxelo, pero ás veces moi difícil… medrar nun fogar seguro.
Nestes 30 anos acompañamos as vosas familias, que pasaban por momentos difíciles, na apaixonante tarefa de poñervos no centro do seu universo. Estivemos ao voso lado para sandar feridas, recuperar a confianza e descubrir a vosa forza.
Acompañámosvos na procura dun novo fogar cando non foi posible quedar no voso. Apoiámosvos no cole para facer que o voso espazo fose seguro, coidadoso e respectuoso.
E estamos empeñadas en que vos escoiten e en que vos teñan en conta.
Despois de 30 anos, celebramos este día con máis ganas e ilusión ca nunca.
Emociónanos seguir camiñando ao voso lado, celebrando os vosos logros, acompañando as vosas ilusións e véndovos gozar de cada etapa da vosa vida.
Seguiremos estando aí mentres sexamos necesarias.
Fundación Meniños