A atención a Vítimas de Abuso Sexual

|

Ilustración de Jane Massey: 
https://www.janemassey.co.uk

O abuso sexual é un monstro invisible co que convivimos como sociedade e que mantén cada día baixo as súas fauces a centos de nenas, nenos, mulleres e homes, que sofren, a miúdo dentro da súa propia familia ou seres próximos, as consecuencias devastadoras da súa chegada. O monstro do abuso sexual non se limita a causar feridas físicas nas súas vítimas, senón que chega para quedarse e instalarse nas súas vidas, é coñecedor de que para as súas vítimas xa nada volverá a ser o mesmo e precisamente aí reside gran parte do seu poder, causando unha ferida aberta que afecta a todos os eidos, e que é a miúdo obviada pola propia familia ou reforzada polo tabú e a culpa, unha ferida que se infecta unha e outra vez durante os procedementos xudiciais, demasiadas veces fríos e pouco empáticos, unha ferida enquistada que as institucións e a sociedade descoñecen ou que a miúdo simplemente non queren, confunden ou non saben ver e o que é peor, carecen de ferramentas para curala.  

Como si de un mecanismo perverso se tratase, a ausencia de protocolos e recursos para facerlle fronte alimenta ao monstro do abuso sexual e reforza a súa instalación na sociedade, pois promove o silencio das vítimas, das familias e das institucións, dándolle sensación de liberdade e impunidade. Deste xeito, as vítimas e as familias a miúdo calan posto que non saben a quen pedir axuda, as escolas carecen de medios e coñecementos para detectalo, as unidades médicas non son quen de facerlle fronte, e os procedementos xudiciais a miúdo rematan en xuízos falidos por falta de probas que confirmen o abuso e a violencia sexual, ou rematan con persoas que a pesar de ser recoñecidas como vítimas, regresan ás súas casas inmersas nun auténtico inferno emocional sen ninguén que as axude. 

Conscientes do feito de carecer de armas que nos permitan loitar contra esta terrible e complexa realidade, que afecta a tantas persoas, pequenas e maiores, e en definitiva a todos como sociedade, a Fundación Meniños decidiu unir os seus esforzos e deseñar un programa de intervención para persoas vítimas de abuso e violencia sexual especializado e baseado na evidencia científica, para o que formou a un equipo de psicólogas e psicólogos experimentados das catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia. Este programa foi  presentado á Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Igualdade e Consellería de Familia,  que promoveu a súa implantación do programa en toda a Comunidade Galega,  establecéndose as sedes de terapia nas cidades de A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo, prestando axudas económicas para os desprazamentos para todas aquelas persoas que vivan fóra destas cidades e así o precisen. 

Ilustración de Jane Massey:
https://www.janemassey.co.uk

O programa de intervención en abuso sexual vai dirixido a todas as persoas vítimas de abuso sexual que amosen un desaxuste emocional e/ou de conduta como consecuencia do abuso. Asemade, o programa ten como destinatarios tamén aos familiares non agresores e ás principais persoas responsables do coidado dos nenos e das nenas, xa que cumpren un papel fundamental na súa recuperación; e a todos aqueles equipos profesionais da rede que traballan na contorna das nenas, nenos, adolescentes e mulleres abusadas.

O procedemento de intervención consiste na axuda psicolóxica brindada no contexto dunha relación segura e voluntaria, e as intervencións están fundamentadas seguindo a evidencia científica dentro do campo da psicoloxía e a atención socio-sanitaria. Os obxectivos principais radican no desenvolvemento dun contexto de seguridade e de prevención de novas situacións de traumatización, acompañamento do nena e da nena

e das persoas adultas coidadoras na adquisición de información e habilidades para afrontar as consecuencias do abuso, a elaboración dunha narrativa adecuada do trauma e a promoción da integridade da identidade e benestar bio-psico-social da nena, neno, adolescente ou persoa adulta. O desenvolvemento do tratamento baséase na estrutura do modelo cognitivo de conduta focalizado no trauma, pero integrado dentro dunha aproximación dialóxica e recursiva, centrada no ritmo e necesidades da persoa abusada e no establecemento dunha relación terapéutica segura e próxima, recorrendo a técnicas derivadas da terapia narrativa e da terapia familiar baseada no apego.

En canto á duración do programa, desenvólvese nun rango de entre 10 e 25 sesións -dependendo das necesidades da persoa usuaria-, durante o cal é básico acceder á representación que as vítimas e a súa contorna fixeron do que ocorreu, desculpabilizalos, e limitar o impacto das distorsións cognitivas e mecanismos de defensa que afectan a unha boa evolución. Dentro deste marco, a intervención implica os seguintes pasos:

  • Proceso de avaliación das necesidades e situación da persoa afectada, xerando un clima de sostén, conexión emocional e seguridade.
  • Traballo psicoeducativo brindando información sobre o trauma e expectativas do tratamento.
  • Traballo centrado en técnicas para o manexo do estrés.
  • Traballo centrado na expresión e modulación dos afectos. 
  • Traballo centrado no manexo de crenzas e pensamentos desadaptativos con respecto ao abuso. 
  • Reconstrución de experiencias de apego anteriores ao abuso. Procura de indicadores de vulnerabilidade e de habilidades e competencias por parte da persoa abusada e da familia. 
  • Reconstrución da narrativa do trauma. Divídese á súa vez en tres fases, nas que a narrativa é primeiro elaborada co terapeuta por parte da vítima de abuso, para pasar a selo en segundo lugar polas principais persoas responsables do seu coidado no caso das nenas e nenos, e por último unha derradeira fase na que se comparte e se discute a nova narrativa xerada, revisando a capacidade de procesamento cognitivo e anticipación de eventualidades fóra do espazo terapéutico. 
  • O último paso, que é á súa vez transversal ao longo da intervención, céntrase no traballo coa familia de compartir a narrativa do trauma, valorar os avances conseguidos e a proxección destes no futuro.

Ilustración de Jane Massey:
https://www.janemassey.co.uk

O programa de intervención en abuso sexual é totalmente gratuíto, e as derivacións ao mesmo realízanse desde o Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social,  ou desde recursos oficiais como os Centros de Información á Muller (CIM), Servizos Sociais, Policía, Xulgados, etc., mediante unha folla de derivación que recollerá a información imprescindible do caso.  

Desde a Fundación Meniños queremos transmitir a mensaxe ás nenas, nenos, adolescentes e mulleres vítimas de abuso sexual que viven na Comunidade Autónoma Galega de que non están soas, así como ás familias e a todos os recursos e entidades que cada día son testemuñas deste monstro que impacta profundamente e menoscaba o benestar dunha sociedade que se supón avanzada, que se animen a denunciar cada sospeita da súa existencia, e que sexan coñecedores de que as súas feridas se poden curar a través do traballo terapéutico especializado.

Zaida Robles Pacho
Psicóloga da Fundación Meniños

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *