A importancia de coidar a saúde mental materna

|
Muller embarazada

Este ano celebráronse na mesma semana no noso país o Día Mundial da Saúde Mental Materna (3 de Maio) e o día da nai (primeiro domingo do mes de Maio). E é unha casualidade que, a quen traballa con e para esta etapa esencial que viven millóns de mulleres no mundo cada día, parécenos quizais máis unha causalidade. 

Hai uns meses que, tras anos de traballo e de publicacións diversas sobre diferentes temas relacionados máis ou menos directamente coa saúde mental perinatal por parte dos seus equipos de traballo, a OMS (Organización Mundial da Saúde) sacou á luz a Guía para a integración da saúde mental perinatal nos servizos de saúde materno-infantil (https://www.who.int/publications/i/item/9789240057142).

A publicación realizada en setembro de 2022 abriunos os ollos a un panorama que parte da sociedade quizais intuïamos, pero que é en realidade moi preocupante. 

Os datos recollidos pola OMS reflicten unha incidencia de dificultades na saúde mental das nais que rolda o 20% e, aínda que gran parte desas mulleres teñen dificultades que requiren unha atención leve, falamos de mulleres que están en pleno proceso de crianza, no cal a identificación emocional maternofilial está en pleno auxe. É dicir, que falamos desa muller, pero tamén do seu bebé, da súa familia máis próxima, do seu círculo social máis próximo. E mesmo das súas seguintes maternidades se as tivese, e da súa relación coa maternidade en xeral. 

A OMS na súa Guía recolle un repertorio de síntomas variados entre os que se atopan:

  • Sentimento de tristeza mantido. 
  • Dificultades para gozar do que lles rodea.
  • Problemas de concentración.
  • Sobrepreocupación.
  • Baixa enerxía e desmotivación.
  • Desaxustes de soño (excesiva somnolencia ou insomnio) ou de alimentación (inxesta excesiva ou moi escasa)
  • Sentimentos de culpabilidade e desánimo.
  • Ansiedade porque algo malo suceda.
  • Dificultades na toma de decisións cotiás.

A maternidade supón para as mulleres, en maior ou menor medida, un cambio na súa identidade persoal, física, social, familiar e mesmo laboral. Unha crise absoluta, entendendo crise como situación na que se produce un profundo cambio que trae unha serie de consecuencias importantes, segundo a intensidade que senta desa crise. 

Trátase, ademais, dun proceso dinámico, que mantén á nai en constante cambio a escóitaa da súa nova realidade e da evolución e necesidades do bebé que está de camiño ou chegou xa alén da pel. 

O proceso da maternidade ten un compoñente biolóxico, claro, pero nel e no seu transcurso entra tamén unha gran parte social, cultural, asistencial… é dicir, o ambiente é determinante no risco que poden ter as mulleres de chegar a sufrir dificultades de saúde mental na maternidade. 

A OMS recolle tamén no seu Guía estes posibles indicios de risco para a saúde maternal, reflectindo, por exemplo: o embarazo adolescente, experiencias de parto previas negativas, escasas oportunidades educativas, nutrición deficiente, problemas físicos de saúde, escaso apoio social, violencia de xénero, embarazos non desexados ou consumo de substancias tóxicas. Todos eles son factores de risco que poden promover unha experiencia maternal complexa a nivel físico ou mental sobre os que unha boa atención perinatal e a creación de programas non só de apoio, senón de prevención poden ter unha incidencia positiva.

A promoción dunha atención perinatal respectuosa e que escoite as necesidades e desexos de cada muller é fundamental para ofrecer un apoio maternal que permita que as propias embarazadas e nais tomen decisións propias e se empoderen no seu proceso de maternidade. 

Tamén a creación de programas de formación, orientación laboral, educación para a maternidade e os coidados do bebé, a prevención da violencia de xénero ou a detección precoz da dificultades de saúde mental son básicos neste obxectivo de construír sistemas de coidados á maternidade que sexan máis efectivos e positivos a curto e longo prazo. E, por suposto, o apoio ao desenvolvemento das propias habilidades maternais e de vida en xeral das mulleres, así como a xeración de espazos de encontros entre nais e/o familias que permitan que se xere de modo natural unha rede de apoio social entre persoas que viven situacións similares, tanto en embarazo, posparto ou crianza. 

Este enfoque coñecémolo ben e construímolo cada día desde a Fundación Meniños, dentro do Programa de Atención Perinatal a Mujeres en Risco de Vulnerabilidade Social, que se coordina con equipos de traballo social, sanitario e diversos axentes de apoio no ámbito laboral, educativo e habitacional desde hai anos. Cremos neste tipo de traballo por e para a maternidade. 

Trátase de prestar unha atención e un coidado, que permitan previr e, no seu caso lograr, unha detección precoz que, á súa vez permita unha intervención temperá que axude a esa nai para recuperar esa importante parte da súa saúde.

Trátase de cambiar cousas, de mellorar a atención á maternidade, a escoita das necesidades reais, de poñer en valor a experiencia maternal que sente cada unha das mulleres que pasa por esta vivencia. 

Habemos dar un xiro nas estratexias de asistencia maternal para fomentar o apoio e a prevención como prioridades. Para que ser nai non signifique ter un 20% de posibilidades de que se produza sufrimento na nosa saúde mental. 

Porque sen a saúde mental non hai saúde. E sen maternidade non hai futuro. Habemos coidar a saúde de nai e bebé de forma integral. Pola crianza e nai, e pola sociedade. 

Equipo do Programa “Atención perinatal a mulleres en situación de vulnerabilidade social
Fundación Meniños

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *