A influencia do estilo de apego na vida adulta

|
imaxe: pexels.com

Sabías que… o estilo de apego que desenvolviches na túa infancia inflúe en como afrontas a crianza na vida adulta?

Así é, o tipo de apego que establecemos na infancia coas nosas persoas adultas de referencia inflúe tamén en como nos relacionamos na idade adulta coas demais persoas e polo tanto tamén na relación cos nosos fillos e fillas. Os patróns que coñecemos na infancia tenden a se repetir durante a crianza e isto sucede a miúdo sen que nos deamos de conta, polo que identificar o teu estilo de apego pode ser de utilidade para que coñezas desde onde te sintonizas nos teus vínculos e en como estás a afrontar a crianza no proceso de adopción.

Se o teu estilo de apego encaixa cun estilo de apego seguro é mais probable que saibas ler as necesidades do neno ou da nena. Buscarás vincularte ás demais persoas sen presentar demasiada sensibilidade ante o rexeitamento e probablemente contes con boas dotes de comunicación coas que saberás como expresar con claridade o que sentes e necesitas, ofrecendo estrutura e agarimo nos teus vínculos (tamén cos teus fillos e as túas fillas)!

Porén se o teu estilo de apego caracterízase por un alto nivel de ansiedade ante a relación coas outras persoas que son significativas para ti, pode que esteas a presentar un apego ansioso ou ambivalente polo que na crianza é probable que tendas a magnificar calquera posible situación de risco para os teus fillos e as túas fillas, isto pode transmitir a idea de que explorar o mundo é perigoso e que amar implica unha alta preocupación e ter que estar pendente da outra persoa en todo momento.

Por outra banda, se tendes a evitar a intimidade nos vínculos ou evitas afrontar situacións de posible conflito e optas por non abrirte ás demais persoas nin compartir as túas necesidades e sentimentos. Poderías amosar un estilo de apego evitativo co cal é mais difícil sintonizar coas necesidades psicoemocionais dos nenos e nenas e acompañarlles desde a seguridade nos retos do día a día.

Cando o estilo de apego nunha persoa adulta é desorganizado vai presentar insensibilidade para ler as necesidades dos fillos ou das fillas, transmitíndolles a idea contraditoria de que non poden sobrevivir sen a persoa adulta, unha figura adulta que necesitan e que a un mesmo lles xera medo. Con este contexto de referencia ao medrar, vivirá as relacións como algo perigoso.

Estes modelos internos que derivan no estilo de apego, poden ser modificados por novas experiencias relacionais gratificantes e de seguridade polo que o teu estilo de apego pode mudar cara un apego seguro o que á súa vez tamén favoreza adquisición dun apego seguro nos teus fillos e as túas fillas ao longo da crianza.


Programa de Adopcións Especiais,
Fundación Meniños.

Bibliografía:
– Gonzalo, J. L. e Pérez Muga, Ó. (2012). “¿Todo niño viene con un pan bajo el brazo? Guía para padres adoptivos con hijos con trastornos del apego”. (Bilbao). Editorial Desclée de Brouwer, S.A.
– Gonzalo, J. L. (2015). “Vincúlate. Relaciones reparadoras del vínculo en los niños adoptados y acogidos”. (Bilbao). Editorial Desclée de Brouwer, S.A.
– Rech-Simon, C. e Simon, F. (2010). “Consejos de supervivencia para padres adoptivos”. (Barcelona). Herder Editorial.

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *