A violencia de xénero desde unha ollada perinatal

imaxe: pexels.com

Con motivo do 25N queremos compartir esta publicación sobre a violencia de xénero enmarcada nos períodos do embarazo, parto e postparto. A violencia de xénero é calquera forma de violencia contra as mulleres que poida causar sufrimento físico, psicolóxico e/ou sexual. Esta constrúese a través de normas prexudiciais, abuso de poder e desigualdades de xénero. Este tipo de violencia atenta contra a integridade, dignidade e liberdade das mulleres independentemente do ámbito onde se produza.

O embarazo é unha etapa onde a muller experimenta numerosos cambios a nivel biolóxico, psicolóxico e social. Durante este período de especial vulnerabilidade a violencia de xénero pode potenciarse, chegando a xerar grandes riscos para nais e fillos ou fillas.

En España, as investigacións sobre violencia de xénero no embarazo son insuficientes. Un dos estudos máis relevantes realizado en Andalucía en 2015 a través de datos epidemiolóxicos, desvela que o 22,7% das mulleres embarazadas sofre algún tipo de violencia tanto emocional como física, ambas supoñen un risco tanto para a xestante coma para o feto. O estrés e a ansiedade durante o embarazo provocan problemas sobre o desenvolvemento da cognición, o comportamento e as emocións do bebé.

Aínda que os mecanismos polos que esta afectación se produce non están de todo claros, si que existe consenso en canto á súa repercusión negativa, sendo diferente a afectación en función do momento do desenvolvemento fetal onde se produza a exposición ao estrés. Algunhas das vías que se postulan para a transferencia materno-fetal do estrés son: a alteración do fluxo sanguíneo uterino, a afectación da secreción hormonal placentaria e o traspaso de cortisol da nai ao feto. O cortisol é unha hormona que os humanos segregamos en maiores cantidades como resposta ao estrés, como o que se pode experimentar nunha situación de violencia de xénero. Esta hormona que en situacións normais debería ser filtrada pola placenta, pode acabar pasando ao feto nestas situacións, onde a súa produción se ve aumentada e a súa depuración alterada.

A maioría das mulleres que sofren violencia de xénero teñen unha taxa de asistencia e ingreso nos servizos de saúde máis elevada durante o embarazo. Moitas delas presentan unha maior predisposición a sufrir infeccións vaxinais, anemia e partos prematuros, pero aínda así non son identificadas como mulleres en risco polo sistema de saúde ao longo das diferentes revisións médicas de seguimento do embarazo. Esta situación outrora invisibilizada e redimida ao ámbito privado, visibilizouse pasando a ser un problema de índole pública que a sociedade no seu conxunto ten a obriga de esforzarse por previr. En 2016 publícase unha “Guía de actuación ante a violencia de xénero durante o embarazo” escrita conxuntamente por unha matrona, unha xinecóloga e unha especialista en medicina forense. Esta constitúe unha ferramenta de gran axuda para a información, detección e prevención desta situación durante a xestación.

A mesma é de libre acceso e está aberta o público na seguinte ligazón:

https://www.medicusmundi.es/storage/resources/publications/5ef3d06c18fee_guia-actuacion-violencia-embarazo.pdf

A violencia psicolóxica, padecida por un 21% das mulleres embarazadas que participaron no estudo, é a que con máis facilidade se esconde e afecta de maneira implacable, podendo provocar ameazas de parto pretérmino con baixo peso e de sufrir efectos adversos, tanto cognitiva como emocionalmente durante o crecemento. Segundo estes estudos a probabilidade de que isto se produza aumenta considerablemente naquelas nais que non contan con apoios na súa contorna. 

Desde o Programa de Atención Perinatal brindamos unha atención continuada a nais dotándoas de recursos para a toma de decisións e ferramentas para detectar e afrontar este tipo de situacións coa coordinación dos servizos específicos locais. 

Isto permite un traballo en rede e garante un asesoramento máis completo á muller mediante servizos da área social, administrativa, xurídica etc., permitindo un asesoramento completo á muller. Este labor é levado a cabo a través dun seguimento constante, con frecuencia semanal, o que contribúe a crear unha relación de confianza. Tamén é posible a atención no domicilio, con formatos axustables, xa sexan individuais ou en parella, xerando espazos de escoita seguros. Outro formato de atención é o grupal, que permite observar outros modelos de funcionamento e saír do illamento empoderándose ás participantes fronte ás posibles situacións individuais de violencia que poidan sufrir. Durante a etapa post parto, moitas mulleres continúan sufrindo a violencia de xénero por parte das súas parellas. 

Un Estudo da Universidade de Nôtre Dáme desvelou que a lactación materna protexe aos bebés da violencia de parella. Durante a lactación xérase un vínculo emocional que garante a protección e supervivencia do bebé. Esta experiencia sensorial e afectiva funciona de protectora fronte ao estrés e contén beneficios para a saúde materna. 
O afecto físico e as caricias contribúen ao desenvolvemento emocional, estimulando áreas do cerebro do bebé e o protexéndoo dos efectos do estrés. A lactación materna proporciona beneficios ás nais debido á liberación da hormona oxitocina; que posúe efecto antidepresivo, previndo a depresión postparto; reduce o estrés e mellora a presión arterial; prevén a anemia e favorece o vínculo co bebé, fomentando a seguridade e o apego. 

Por iso desde o programa incentivamos a lactación materna e dotamos ás nais de recursos emocionais e físicos para superar os retos que esta presenta. 

A violencia de xénero produce importantes cambios no cerebro infantil pola exposición continuada a estímulos violentos. Nun estudo da Universidade de Londres dirixido polo Dr. Eamon McCrory puidéronse constatar as repercusións das contornas agresivas no cerebro dos nenos e nenas, chegando a comparalo co trauma vivido por soldados na guerra. O cerebro do neno ou nena ante contextos de violencia tende a volverse hipervixilante, mantendo tensión constante, o que supón unha activación continuada que potencia os niveis de estrés altos, xerando consecuencias académicas e sociais. Pero as secuelas a longo prazo tradúcense en dificultades para sentir, repetición do círculo de violencia e déficit de atención. Por iso, a lactación materna é un recurso preventivo, diminuíndo as posibilidades de transferencia interxeracional da violencia de xénero, mellorando a posibilidade de xerar vínculos relacionais estables.

De todo o anterior extraemos a importancia social de combater estas situacións para romper o círculo da violencia e que esta non se perpetúe a través das xeracións, aspirando a unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias. Por iso, consideramos que é relevante o labor que leva a cabo desde o Programa de Atención Prenatal, promocionando un acompañamento baseado no apoio e coidados relacionados co vínculo materno-filial como factor protector ante a violencia de xénero.

Referencias: 

  • Eamon McCrory, Stephame A. De Brito, Essi Viding (2011). The impact of childhood maltreatment: a review of neurobiological and genetic factors. Frontiers in Psychiatry, 2011; 28 July. DOI:
    https://doi.org/10.3389/fpsyt.2011.00048
  • Juez, M. C. V. (2015). Violencia durante el embarazo en mujeres que dan a luz en hospitales públicos de Andalucía (Doctoral dissertation, Universidad de Granada). Recuperado de: http://hdl.handle.net/10481/40120
  • Laura Miller-Graff, Caroline R. Scheid (2019). Breastfeeding continuation at 6 weeks postpartum remediates the negative effects of prenatal intimate partner violence on infant temperament. Development and Psychopathology, 2019; 1 DOI: 10.1017/S0954579419000245.
  • La violencia de género en el embarazo aumenta el riesgo de parto prematuro y depresión posparto. Instituto Europeo de Salud Mental Perinatal. 21.09.2017
  • La lactancia materna protege a los bebés de madres que han sufrido violencia de género en el embarazo. Instituto Europeo de Salud Mental Perinatal. 20.03.19

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *