Cambios cerebrais e maternidade
Cavilacións na etapa do posparto
Cando as nais nos din no posparto cousas como:
- “Semella que esquezo todo”.
- “Non sei onde teño a cabeza”.
- “Pero en que estarei pensando, que non me lembrei”?
- “Quedei coa cabeza baleira”.
Son momentos nos que as nais se senten mal, pouco válidas, torpes, inseguras, e moitas veces non se senten elas mesmas. E isto é unha experiencia moi repetida nesta etapa da maternidade.
Non se recoñecen no seu corpo, na súa mente, na sociedade, na familia, no traballo… todo cambiou. Incluso o propio sentir, porque aínda que aparentemente todo o entorno sigue igual, a nai acostuma a percibilo distinto.
Os cambios que se producen no cerebro tras o parto
Parte desta sensación de cambio, de non autorrecoñecerse, nace dos cambios neurolóxicos necesarios para a adaptación á maternidade e á crianza. A plasticidade neuronal é unha realidade que tamén constrúe as maternidades, algo totalmente necesario, e lonxe de ser algo que nos deixa sen ferramentas, este cambio do cerebro na maternidade é case máxico.
Permítenos estar atentas ás necesidades dos bebés, conectadas co instinto que nos aporta información necesaria para a crianza, priorizar ao bebé e a súa supervivencia e ser moito máis eficientes cando estamos no centro do furacán que pode ser a crianza.
Segundo diversos estudios, o cerebro das nais adáptase ás necesidades dos seus fillos e fillas, aumentando a capacidade de empatía, a memoria e a aprendizaxe. Estes cambios prodúcense tanto a nivel hormonal como estructural, e poden durar anos despois do parto.
A empatía é unha habilidade esencial para coidar dun bebé, xa que permite interpretar os seus sinais e responder ás súas emocións. O cerebro das nais libera oxitocina, unha hormona que favorece o vínculo afectivo e a sensibilidade social. Ademais, actívanse máis as rexións cerebrais relacionadas coa teoría da mente, é dicir, a capacidade de poñerse no lugar do outro.
A memoria e a aprendizaxe tamén se ven potenciados no cerebro das nais, xa que teñen que lembrar moita información sobre o coidado e o desenvolvemento dos seus fillos e fillas. O cerebro das nais aumenta o volume de materia gris en áreas como o hipocampo, que está implicado na memoria a longo prazo. Asimismo, prodúcese unha maior plasticidade neuronal, que facilita a aprendizaxe de novas habilidades.
Aínda non vos parece útil e marabilloso o cambio nos nosos cerebros?
No Programa de Atención Perinatal para Nais en Dificultade Social cada día miramos con admiración esa transformación e apoiamos a cada unha desas nais que non se senten elas para favorecer que se valoren e recoñezan”.
Datos curiosos de los cambios del cerebro durante el embarazo
Equipo do “Programa Atención perinatal a mulleres en situación de vulnerabilidade social”
Fundación Meniños