Cantando para conectar co solo pelviano
Durante esta sesión do grupo de embarazadas do “Programa de atención perinatal a mulleres en situación de vulnerabilidade”, recibimos a visita dun papá artista, Rafael Briseño, cantautor venezolano, especializado en cuatro venezolano.
Rafael agasallou ás mulleres e aos bebés que aínda nadaban nas súas barrigas un tempo de música, estimulación, harmonía e moita emoción. Acompañadas e guiadas polas súas palabras, historias e pola por la intensa vibración do cuatro, cuxas cordas de nylon producen un son doce, melancólico e sobrio, cantamos e experimentamos xogando co noso persoal e único instrumento, a nosa voz.
A actuación e a divertida dinámica compenetrouse perfectamente coa temática do día do noso obradoiro de embarazo que pretendía practicar a través do uso da voz unha forma de relaxación e conciencia corporal para o traballo de parto.
A voz é un excelente aliado no parto pola íntima relación que existe entre a gorxa e o colo do útero e canle do parto. (Descarga este pdf de “Introducción al canto carnático”).
Como nos recorda a psicóloga e psicoterapeuta Gabriella Bianco, falando da arte do “canto carnático”, que é un canto tradicional do sur da India introducido e transmitido en Europa a principios dos anos 60 polo obstetra francés Frédérick Leboyer: “Sabemos que a gorxa e a canle vaxinal están fortemente conectados tanto a nivel celular coma enerxético. Gorxa e canle vaxinal “contáxianse” mutuamente: se a gorxa está distendida e aberta tamén o estarán o colo do útero e o perineo; se a gorxa está contraída o mesmo ocorrerá na rexión vaxinal”
O son é vibración que chega ao bebé a través de dúas vías: a auditiva e a sensorial. Cando a nai embarazada fala ou canta, a súa voz resoa ao longo da súa columna vertebral, ata o ventre e o líquido amniótico que vibra e chega ata o bebé. Nas semanas previas e durante o parto, cando o bebé xa está en posición cefálica, é dicir, cabeza abaixo, estará en contacto directo cos ósos da pelve, polo que aumentará a súa percepción das vibracións e escoitará con maior intensidade.
A comprensión, a través a vivencia desta conexión pode facilitar a experiencia de parto para as mulleres e facer sentirse aos bebés acompañados en todo momento.
Queremos dar un especial agradecemento ao artista por ter creado este espazo tan máxico e tamén ás mulleres do grupo por ternos permitido gravar nun momento tan íntimo.
Damos a benvida aos pequenos e pequenas que nos acompañaron este día e con quen seguimos compartindo nos nosos obradoiros de primeira crianza.