Queres ser familia acolledora ou adoptiva?

Coñece o proceso e resolve as túas dúbidas
Queres que a túa sexa unha familia de acollida ou adopción?
O acollemento familiar é un dos máis grandes actos de solidariedade coa infancia e é a perfecta alternativa á súa permanencia nun centro de protección, ofrecendo o vínculo emocional, estable e seguro que todos os nenos e nenas necesitan para o seu adecuado desenvolvemento.
Seguro que preto de ti hai algún neno ou nena que, por diversos motivos, non está no seu fogar e ten que medrar con outra familia que lle poida dar o cariño e o apoio que precisa.
Cando a familia de orixe deste neno ou nena non pode facerse cargo del ou dela, pásalle a tutela ou garda á Administración, que se encarga de derivalo a:
- Un programa para acollemento familiar en familia allea, para a súa incorporación a unha familia que lle proporcione a protección e o afecto que necesita para medrar, mantendo a relación coa familia de orixe sempre que sexa conveniente para o neno ou a nena.
- Un programa de adopción para a incorporación plena e definitiva noutra familia, mediante o que xorde unha relación de filiación igual cá biolóxica.
Onde traballamos?
En Meniños desenvolvemos programas de acollemento e adopción en Asturias, e de adopcións especiais en Galicia, en colaboración coas Administracións das dúas comunidades.
- Acollementos e adopcións para nenos ou nenas con necesidades especiais en Asturias
- Programa de adopcións especiais Galicia
Que facemos en Meniños?
Parte do noso labor consiste en buscar familias acolledoras; informar as familias interesadas en acoller ou adoptar estes nenos, nenas e adolescentes; desenvolver sesións de preparación, apoio, orientación; e acompañar a familia durante todo o proceso.
Queres saber máis?
Informámoste de todo o que necesites saber sobre os acollementos familiares e adopcións especiais.
- Acollementos en Asturias: delegacion.asturias@meninos.org
- Adopcións Especiais en Galicia: adopcion.especial.t1@meninos.org