Como falarlle aos nenos e as nenas da guerra

| | |

A actual situación de conflito bélico en Ucraína fai que os nenos e nenas tomen contacto cunha realidade que para a maioría ata agora éralles allea. A presenza do mesmo nas novas, nas conversas ou na difusión de iniciativas solidarias fará que se pregunten que está a ocorrer e tamén se iso pode afectarlles directamente. As novas poden xerarlles medos, inseguridades e tamén moitas preguntas que se deben abordar tendo en conta algunhas pautas:

  1. Sinceridade: seguramente os nenos e nenas escoitaron algo no colexio, na rúa, nas novas ou se son máis maiores puideron ver algún titular de periódico. Para que entendan o que está a acontecer, débese preguntar que é o que saben e a partir desa información explicarlle a situación nunha linguaxe adaptada a súa idade.
  2. As mensaxes deben ser claras, concisas e destinadas a que se sintan seguros e protexidos. Segundo a súa idade e o seu nivel madurativo, darase máis información ou esta será máis sinxela e breve.
  3. Aos nenos e nenas axúdalles saber onde está a acontecer isto: situar a Ucraína nun mapa de Europa, nunha bola do mundo, nun atlas ou en Google Maps permítelles entender mellor que está a pasar e tamén a mitigar o medo que podan sentir. Por outra parte, durante a infancia as distancias xeográficas son conceptos imprecisos e difíciles de entender, polo que isto axuda a que as visualicen.
  4. Responder as súas preguntas sobre o tema, se as teñen, e deixar claro que estamos dispoñibles para volver a falar sobre isto cada vez que o necesiten. Así pódese resolver calquera medo ou inquedanza no momento que xurda, e evitar que crean novas falsas.
  5. Evitar ver a información sobre a guerra na súa presenza, especialmente no caso das imaxes (telexornais, vídeos en internet…), xa que a súa crueza pode causar un alto impacto emocional nos nenos e nenas. No caso de que as vexan ou escoiten, faládeo en familia e dádelle pe a expresar o que viron e como se sentiron.
  6. Se expresan emocións como medo, ira ou tristezadebemos acompañalos nas mesmas e axudarlle a aceptalas: podemos explicarlles que nós tamén sentimos esas emocións, que é normal sentirse así, e darlle a oportunidade de verbalizalas e xestionalas.

Finalmente, pódeselles transmitir que os nenos e nenas tamén teñen o poder de lograr que o mundo sexa un lugar máis pacífico: evitar as pelexas e aprender a resolver os seus propios conflitos dende o diálogo e a asertividade será a súa achega para logralo, e así crecer como persoas respectuosas e empáticas. 

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *