Día da Saúde Mental Materna

|
Imaxe: pvproductions

Hoxe, 4 de maio, é o día mundial da saúde mental materna. En España, un 10% das mulleres que dan a luz sofren depresión posparto e un 4% trastornos mentais graves ou complexos. O 75% destas mulleres non son diagnosticadas nin teñen un tratamento e seguimento axeitados.  A enfermidade mental materna non tratada ten consecuencias tanto nas nais coma nos seus fillos e fillas:

  • Nas nais: 
    • Maior consumo de alcohol, tabaco e outras substancias nocivas para ela e o seu fillo ou filla.
    • Menores coidados durante a xestación (vitaminas, controis, alimentación, etc.)
    • Aumento do risco de episodios futuros de depresión e outros trastornos mentais na nai.
    • Maior risco de suicidio.
    • Dificultades para unha vinculación axeitada co bebé.
    • Non recoñecemento das sinais do ou da súa seu bebé e polo tanto falta de resposta axeitada ás necesidades do bebé, con consecuencias negativas para o crecemento do bebé.
    • Menor tempo de lactación materna.
  • Nos fillos e fillas:
    • Peores resultados obstétricos:
      • Incremento do risco de parto pretérmino.
      • Incremento do risco de baixo peso ao nacer.
    • Trastornos de conducta:
      • Choran máis forte e máis tempo. Máis dificultades para regularse.
      • Pouco tempo en calma. Tendencia á alerta.
    • Retraso no crecemento e na linguaxe.
    • Maior dificultade para establecer relacións seguras, con tendencia ao retraemento social.
    • Maior risco de infanticidio (aínda que é moi raro, ás veces pode producirse, moitas veces en casos de psicose posparto non tratadas).
    • Maiores taxas de psicopatoloxía posterior nos nenos ou nenas. 

Hai uns factores de vulnerabilidade que fan que esta enfermidade mental materna sexa máis probable:

  • Antecedentes psiquiátricos da muller
  • Antecedentes familiares: parentes de primeiro grao con problemas de saúde mental.
  • Mala saúde física: obesidade, tabaquismo, mala nutrición, estilo de vida sedentario…
  • Antecedentes toxicolóxicos.
  • Embarazo adolescente.
  • Actitude da muller ante o embarazo.
  • Falta de rede social da muller.
  • Violencia de xénero.
  • Maltrato ou outros traumas na infancia.
  • Mala situación socioeconómica.
  • Mala situación no contorno familiar.

Unha intervención temperá con estas nais permite unha melloría na saúde integral tanto da muller coma do seu fillo ou filla. É por isto que desde o Programa de Atención Perinatal acompañamos a todas as nais que o precisen, dende o segundo trimestre de xestación ata que os seus bebés teñen 18 meses,  para así minimizar estes factores de risco e todas as repercusións que implican nunha etapa que consideramos tan importante como é  a maternidade.

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *