Día dos Dereitos da Infancia. “A nosa voz, os nosos Dereitos”
O 20 de novembro conmemórase o día dos dereitos da infancia, e este ano quixemos enfocar a súa celebración no dereito á participación infantil.
Queremos ser a canle de transmisión para que os nenos e nenas se expresen coa súa propia voz. Queremos recoñecer que teñen opinión, e teñen necesidade e dereito a pronunciarse e a que se faciliten todas as vías que necesiten para dala a coñecer.
As ferramentas e espazos físicos e institucionais deben ser adaptados e postos á súa disposición para que poidan facer uso deles de xeito seguro, organizado e accesible.
Nesta liña, os actos celebrados arredor desta data contaron cos nenos e nenas coma protagonistas. Representantes de nenos e nenas de toda Galicia tiveron a oportunidade de dar a coñecer as súas demandas tanto a través de actos descentralizados coma no grande evento que se celebrou no CGAC de Santiago de Compostela.
Con motivo desta celebración o 23 de novembro no Pleno do Parlamento Galego leuse a Declaración Institucional da POIG, centrada na creación dunha Lei de Infancia en Galicia.