Emocións na etapa perinatal
Un dos meirandes misterios na humanidade en séculos pasados, e centro de debates e teorías diversas, era cando xorde a alma nas persoas. Nacían as crianzas con almas ou a súa alma íase conformando ó longo da súa vida grazas aos coidados dos seus maiores e co seu exemplo e educación?
Este é un misterio que segue a existir, xa que non hai consenso sobre a existencia tan sequera da alma. Pero posiblemente, aínda que non se atopou a resposta a esa pregunta, si que nos levou a outra á que se lle está a atopar unha resposta máis clara: cando xorden as emocións? Como son as emocións das pequenas persoíñas que conforman a nosa infancia?
O primeiro co que nos podemos sorprender é coa cantidade de emocións que son identificadas a día de hoxe polos equipos de investigación. Porque, sabiades que temos máis de 500 emocións?
Na web www.universodeemociones.com, que ten orixe no proxecto dos coñecidos divulgadores Eduard Punset e Rafael Bisquerra en colaboración co estudo PalauGea, podemos atopar un mapa visual con máis de 300 emocións organizadas por intensidade, emoción primaria da que xorden e relación entre elas. Isto axuda a darnos conta da riqueza da nosa vida emocional interna, os matices, a inexistencia de emocións boas ou malas e, seguramente, a pouca consciencia que temos sobre ese mundo interior que constrúe quen somos.
E as nosas crianzas, cantas desas emocións senten e dende que momento as perciben?
Aínda que a investigación está nunha etapa temperá, en parte pola súa complexidade, agora temos claro que as criaturas expresan (e polo tanto senten) emocións dende o seu nacemento. Comezando polas emocións primarias ou de supervivencia (sóavos seguro a película “Del revés”) e, conforme o seu cerebro vai establecendo conexións e procesando experiencias, estas emocións van aumentando e converténdose en máis complexas, ao responderen a situacións tamén con máis matices.
Para que vos fagades unha idea, unha crianza de 3 meses pode expresar enfado ou alegría e, cando comeza a ter certa independencia de desprazamento (roldando os 6 a 9 meses) esa mesma persoíña comezará a expresar medo debido a que as experiencias nese desprazamento a expoñerán a esa emoción e comezará a identificala.
Deste xeito, acorde co seu desenrolo e experiencias, o ser humano vai construíndo o seu propio universo de emocións, o seu propio xeito de afrontalas e expresalas.
Porque xa sabemos que non é o mesmo sentir que expresar oralmente.
Fai varias décadas existía a crenza de que as criaturas non sentían emocións porque non as expresaban oralmente. Isto está absolutamente descartado a día de hoxe, entendendo que a expresión é independente do sentir, aínda que axuda ao recoñecemento e xestión das nosas emocións.
De feito, con pequenos non orais son as persoas de referencia emocional as que, a través do seu vencello e escoita emocional, recollen, identifican e expresan as emocións dos nenos e nenas. Esta función de altofalante do adulto de referencia axuda a que as crianzas identifiquen cada emoción co seu nome, normalicen a súa expresión e aprendan modelos de xestión das emocións.
Así que, novamente, o vencello, a identificación emocional das criaturas coas figuras de apego primario, volta a ser a base do seu desenvolvemento. Neste caso en algo tan fundamental como a vida emocional que estará con elas toda a vida e marcará moito do que serán e de como entenderán o mundo e se relacionarán con el.
Queremos máis motivos para coidar este vencello? Precisamos máis?
Nós pensamos que temos motivos de sobra a nivel personal e social, e ti?
Sara Lorenzo e Beatriz Calvete profesionais do
Programa de Atención Perinatal para Nais en Dificultade Social