Un saúdo da nosa directora para vós, os «bos e xenerosos», na crise do COVID-19

Directora Xeral
Queridas amigas e amigos:
Estamos vivindo unhas circunstancias especiais, tan inesperadas e sorprendentes que sen lugar a dúbidas deixarán unha pegada indeleble en todos nós, como persoas e como sociedade en xeral, e por suposto tamén , como organización social. Estamos asisitindo a manifestacións que revelan o peor e o mellor do individuo, pero non malgastarei un segundo en referirme ao primeiro. Destacan por riba de todo as mostras da nosa identidade como especie, da nosa inmensa capacidade para a solidariedade e o humanismo.
Esta emerxencia mundial sitúanos a todas as persoas fronte á realidade da condición humana, a nosa enorme fraxilidade, pero tamén nos amosa o inmenso poder da colectividade e a profundidade da conciencia social.
Somos unha especie esperanzada, vimos deseñados para vivir, para crecernos ante as adversidades, para superar os retos máis elevados e para construírnos e reconstruírnos en sociedade.
Quero recoñecer a labor encomiable das boas persoas, de todos os equipos, organizacións e colectivos que nestes momentos son os “BOS E XENEROSOS”, como reza o noso marabilloso himno galego.
Todas as persoas podemos e debemos ser eses “bos e xenerosos”, decididos, comprometidos e unidos, centrados no importante, facendo o que sabemos facer coidando e protexendo ás persoas que mais o necesitan, sobrepoñéndonos á adversidade, con paixón, vocación, disciplina e perseverancia.
Súmate aos “BOS E XENEROSOS”.
Mónica Permuy López
Directora Xeral
Fundación Meniños