Familia hai mais dunha

| |

Non me gusta cando a xente ten a necesidade de poñer un adxectivo á palabra familia. Non vexo motivo para apelidar á familia con “monomarental”, “nuclear”, “adoptiva”. 

Non me gusta que se fagan diferenzas baseadas na suposta normatividade.

Familia é familia. Tan sinxelo coma iso. 

Quen é a familia de cadaquén, non debe pautalo ningunha norma. Dítao nada máis (e nada menos) que o sentir de cada persoa.

As que somos afortunadas sentimos que temos varias familias.

Porque “familia non hai más que unha” e un refrán ben arraigado na nosa terra que temos que arrincar como mala herba.

Porque a familia non ten que ser de sangue (outra expresión para desbotar). As familias non teñen porque vivir xuntas. Non teñen nin que compartir pasado, porque pode que non se coñezan de toda a vida.

Temos a familia na que aterramos, e na que permanecemos cando temos a sorte de que unha rede nos dea a benvida e nos axude a medrar.

Temos a familia de vida. Familia elixida, que lle chaman. Xeografía humana de coidados, agarimos, discusións, risas e calor. 

Calor de lar. De volver a casa. E que ese fogar sexan as persoas que viven entre esas paredes.

Familias buscadas. Porque o ser humano precisa do ser humano. Por iso procuramos vínculos, moitas veces sen reparar na propia busca.

E aínda que todas as familias son buscadas, algunhas sono máis que outras.

Tedes que permitirme chegado este punto, que faga un aparte con esas familias especialmente buscadas. Persoas adultas que nun momento das súas vidas, e tras un proceso de reflexión, deciden ofrecerse para unha das cousas máis necesarias, valentes, bonitas, duras e gratificantes que pode facer un ser humano: darlle a un neno ou a unha nena un fogar. Garantir o dereito que ten ese neno ou esa nena a ter unha familia.

Familias que agardan impacientes que chegue ese novo membro ao seu fogar.

Familias que se esforzan ata o seu máximo para entender a ese neno ou esa nena. Para comprender como a súa historia de vida poder ter secuelas. Para situarse ante os retos da integración dende a empatía e o entendemento. E a partir de aí, darlle os mellores coidados e todo o seu cariño.

Familias que pasan momentos tremendamente duros. Xa sexa polo longo proceso ou polas dificultades que teñen que afrontar.

Familias fortes, xenerosas e  tremendamente valentes.

Porque cada familia que se forma é un neno ou unha nena máis que consegue ter un fogar onde sentirse protexido, ben coidado,  querido e a salvo.

Penso que hai moi poucas cousas na vida que poida facer unha persoa, que sexa máis importante que formar unha familia a través da adopción.

Hoxe celebramos o Día Internacional das Familias.

E desde este recuncho, vaia unha felicitación especial a todas as familias na súa inmensa diversidade.

Ás familias que, polo meu traballo, teño o privilexio de acompañar dende o mesmo momento no que se coñecen.

Ás que se organizan da forma que sexa necesaria, e loitan polo mellor dos seus.

Ás que viron nacer ao seu fillo.

Ás que fixeron unha viaxe que parecía interminable para coñecer á súa filla.

Ás que se formaron de xeito espontáneo, compartindo a vida, tecendo redes de apoio mutuo.

A todas elas.

Pode que o meu concepto de familia sexa demasiado xeneroso. Acóllome a cuarta definición da Real Academia Galega, a figurada, a que describe a familia como “Grupo de persoas ou cousas que teñen características comúns”. Se unha persoa te fai sentir cómoda, querida, coidada. Se esa persoa forma parte da túa zona de confort, e sempre está aí cando nin ti mesma sabes que necesitabas que aí estivese,  esa persoa é familia.

Ninguén ten o dereito a matizar que tipo de familia e a túa ou a dicirche que a túa non é unha familia real. Non caben opinións ao respecto porque as persoas que eliximos na nosa viaxe vital, as que nos queren, nos aturan e están aí pase o que pase son a nosa familia.

Mesmo sen compartir xenes, nin historia, nin antepasados. Nin raza, nin crenzas, nin costumes. Todo iso é continxente. O amor e a permanencia son necesarios.

Hai moitos tipos de familia. E hoxe é o día de todas elas. 

Parabéns.

Olalla Castiñeiras
Coordinadora do Programa de Adopcións Especiais

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *