
Adrián Vázquez co Equipo Directivo da Fundación Meniños
O impacto das pantallas na saúde mental de nenos, nenas e adolescentes converteuse nun grande desafío, que desde Meniños sempre enfocamos pola promoción de medidas que contribúan a construír contornas dixitais máis seguras, respectuosas e protectoras para a infancia e a adolescencia.
Con este obxectivo, mantivemos un encontro co eurodeputado Adrián Vázquez para compartir reflexións e avanzar en propostas que sitúen a protección de nenos, nenas e adolescentes no centro das políticas dixitais europeas da próxima lexislatura.
Durante o encontro, Adrián Vázquez subliñou a necesidade de abordar esta realidade desde unha perspectiva ampla, que vaia máis aló do debate sobre a idade mínima de acceso ás redes sociais. Entre as medidas que expuxo destacan a prevención, a sensibilización e o apoio ás familias e aos centros educativos, así como a promoción de hábitos saudables no uso dos dispositivos dixitais.
En Meniños compartimos esta visión. Entendemos que falar de educación dixital non significa unicamente establecer límites ao tempo de pantalla ou recorrer a ferramentas de control parental. Significa, sobre todo, ofrecer a nenos, nenas e adolescentes as ferramentas necesarias para desenvolver criterios sólidos, protexer a súa intimidade, identificar riscos e tomar decisións conscientes e seguras na contorna dixital.
O ciberacoso, a exposición a contidos inadecuados ou o impacto das pantallas no benestar emocional son algunhas das cuestións que requiren unha resposta coordinada desde distintos ámbitos. Para iso, consideramos fundamental acompañar a nenos, nenas e adolescentes na súa experiencia dixital e garantir que cada paso que dean en internet estea guiado polo respecto, a seguridade e o coidado.
O noso lema, «30 anos poñéndonos á altura», cobra hoxe un significado especial tamén no ámbito dixital. Poñerse á altura implica escoitar, comprender e acompañar á infancia e á adolescencia nun contexto que evoluciona rapidamente, asumindo unha responsabilidade compartida entre institucións, familias, centros educativos e sociedade.
Cremos que nenos, nenas e adolescentes deben ser recoñecidos como suxeitos activos, capaces de comprender, decidir e protexerse cando contan co apoio axeitado. Porque estar á altura non é só unha cuestión de regulación ou de políticas públicas: é tamén unha responsabilidade cotiá de todas e todos.