
As principais entidades do terceiro sector en Galicia —EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia— lanzamos unha nova campaña para animar á cidadanía a marcar o recadro do X Solidario na declaración da renda.
A iniciativa presentouse na Praza da Quintana, cun acto simbólico no que se formou unha “X” xigante e se leu un manifesto. Baixo o lema “O Xesto Lendario”, a campaña busca destacar que un pequeno xesto pode cambiar a vida de milleiros de persoas, animando tamén á difusión nas redes sociais.
Marcar este recadro permite destinar o 0,7% do IRPF a proxectos sociais sen custo adicional para as contribuíntes. O obxectivo é aumentar o número de persoas que o fan, xa que en Galicia aínda hai preto de 700.000 contribuíntes que non o marcan.
Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia 30.127.138 euros, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37,98€ por persoa, 4,56% máis que o ano anterior. Con todo, a cifra podería superar os 49 millóns se toda a cidadanía participase.
Os fondos permitiron financiar 773 proxectos desenvolvidos por 168 organizacións, beneficiando directamente a máis de 184.000 persoas en situación de vulnerabilidade. Estes programas abarcan ámbitos como a inclusión laboral, o envellecemento activo, a conciliación familiar ou a alfabetización dixital.
Todos estes proxectos teñen en común unha atención social individualizada, facendo protagonista á propia persoa do seu proceso. Cobren as necesidades de máis persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecen unha confianza, proximidade e vínculo.
Ademais, as entidades reclamamos á Xunta melloras na xestión destas axudas, como adiantar os prazos de resolución e pagamento, para garantir unha maior estabilidade nos programas sociais.
A nosa mensaxe é clara: marcar o X Solidario é un xesto sinxelo que non custa nada, pero pode ter un grande impacto na vida de milleiros de persoas en situación de pobreza, maiores, familias, persoas con discapacidade ou infancia, sen ningún custo para quen o fai, xa que non se paga máis nin se recibe unha menor devolución.