
Nos primeiros anos de vida, o apego é fundamental para o desenvolvemento emocional dos nenos e nenas. A forma en que o contorno responde ás súas necesidades crea un vínculo de seguridade que influirá nas súas relacións ao longo da súa vida. Pero, que ocorre cando chegan á adolescencia?
Apego Seguro
Cando un neno ou nena ten un apego seguro, sabe que sempre poderá contar coa presenza e o apoio da súa figura de apego. Isto permítelle explorar o mundo con confianza, desenvolvendo autonomía e empatía. ¡É como unha radio ben sintonizada, onde todo flúe con harmonía!
Apego Inseguro
Pola contra, cando non hai esa conexión, o neno pode sentir que non é digno de amor, que o mundo é hostil e que non pode obter o que necesita. E isto influirá directamente nas súas relacións futuras.
A medida que o neno ou nena medra, as relacións cambian. A adolescencia é unha etapa de grandes transformacións cognitivas e emocionais. Os e as adolescentes xa non ven aos pais e ás nais como figuras inalcanzables. É o momento no que te baixan do pedestal! A medida que buscan máis autonomía, as discusións e os conflitos familiares poden ser máis frecuentes.
O apego na adolescencia xa non está só centrado na familia, senón tamén nas amizades. As relacións de amizade convértense nun pilar esencial para o ou a adolescente, mentres segue precisando o apoio emocional das persoas adultas significativas. Este cambio é clave para o desenvolvemento de relacións máis maduras e para a entrada nas primeiras relacións de parella.
O estilo de apego desenvolvido na infancia afecta profundamente as relacións cos iguais na adolescencia. Os e as adolescentes con apego seguro xeralmente manexan mellor as relacións afectivas, mentres que aqueles e aquelas con apego inseguro poden amosar dificultades para conectar e comunicarse.
O apego non desaparece, evoluciona.
A túa filla ou fillo segue precisando o teu apoio, incluso cando parece que están buscando máis independencia. A medida que se enfrontan aos retos da adolescencia, o teu acompañamento segue sendo esencial para axudarlles a xestionar as súas emocións, desenvolver a confianza e atopar o seu propio camiño.