20 anos de semana mundial do parto respectado 

|
20 anos de semana mundial do parto respectado 

Acabamos de pasar a semana mundial do parto respectado, un acontecemento que leva xa 20 anos celebrándose. Quizais para algúns pareza pouco, para outros pode parecer que levamos máis anos falando de parto respectado. Pero seguro que poucos sabemos de onde sae esta conmemoración e o que implica realmente o parto respectado. 

Onde, cando e por que xorde a semana mundial do parto respectado?

As orixes desta semana na que visibilizamos un enfoque concreto na atención ao parto e nacemento remóntanse ao ano 2004, no que a asociación francesa “Réseau Naissance”, que reúne ás 23 maternidades do Pays da Loire e profesionais implicados na atención perinatal, estableceu a semana do 14 ao 20 de maio como a “Semana Mundial do Parto Respectado”.

A intención era, por unha banda, visibilizar a necesidade de atender e enfocar a asistencia e acompañamento dos partos e nacementos dun xeito máis respectuoso coa fisioloxía do proceso, evitando intervencións non necesarias que aumentaban a probabilidade de rematar nunha fervenza de intervencións que interferira no desenvolvemento do parto e do vencello e crianza posteriores, así como na experiencia de postparto.

E, por outra banda, evitar que as intervencións que foran necesarias para o parto e nacemento causasen unha experiencia traumática nas mulleres que deixara unha pegada negativa de cara á matrescencia que constrúen.

Pero, en que se basea ou que xa chamamos Movemento polo Parto Respectado?

As bases do parto respectado pódense resumir en directrices claras e concretas a cumprir na súa atención:

  • Dereito dá muller a ser informada de xeito completo e obxectivo sobre as opcións de atención e coidados sanitarios no embarazo e parto para poder tomar decisións libres e informadas.
  • Establecer como centro de atención á muller e ou seu coidado facéndoa protagonista do seu proceso para facilitar ou empoderamento dela mesma.
  • Recoñecer e valorar a libre elección da muller respecto á súa elección sobre acompañamento no proceso por parte da persoa ou persoas da súa elección, profesionais ou de confianza persoal.
  • Recoñecer a cada muller a súa capacidade tanto de parir e ser nai como de decidir non seu proceso.

No tocante ás accións na atención ao parto e nacemento, a evitación de procedementos innecesarios para o bo curso do parto, ou eliminar prácticas de rutina que non teñen beneficios e eficacia amosados, son as cuestións principais dentro dunha atención respectuosa, sendo esta a tendencia crecente que está a favorecer a diminución da taxa de cesáreas en España e en moitos outros países do mundo.

A pegada na matrescencia e a crianza do parto respectado

A saúde mental materna amosa cada día ser fundamental tanto na percepción da experiencia maternal como na crianza a curto e longo prazo.

Por unha banda, o estado emocional da nai permite ou dificulta a identificación emocional entre a díada: a identificación coma semente da escoita das necesidades do bebé, a resposta axeitada ás mesmas, o empoderamento para a toma de decisións na crianza, a autoimaxe como nai e o vencello, o desenvolvemento integral san do bebé e o proceso de asimilación do postparto san e seguro para a nai.

As implicacións que pode ter unha experiencia traumática de parto son enormes, xa que a experiencia de trauma e todo o que supón para a nai repercute de xeito intensamente negativo para o desenvolvemento da propia nai e da súa relación co bebé. A pegada é forte e longa na experiencia das dúas, chegando mesmo a influír na vida adulta da criatura.

Segue a ser necesaria a Semana Mundial do Parto Respectado?

A realidade dos números que se manexan, amosa a necesidade aínda actual de traballar por un cambio na mirada ao parto. Máis dun 10% das mulleres senten que a experiencia de parto lles resultou traumática a causa da atención recibida, e ata case un 20% das mulleres considérana negativa sen chegar a ser traumática.

Estas cifras recollidas nun estudo do ano 2017, foron precedidas por outras que duplicaban ou número de mulleres que viviron o parto coma un trauma, sentiron que non podían decidir nel e se sentiron excluídas nun dos procesos máis importantes da súa vida.

Isto implica que melloramos, pero que temos moito traballo por facer aínda.

Precisamos, non moitos anos de Semana Mundial do Parto Respectato, senón moitos días, e moitos partos respectados cada día. 

Todos os partos. Todos os días. Sempre respectados.

Sara Lorenzo e Beatriz Calvete
Programa de Atención Perinatal a Mulleres en Situación de Vulnerabilidade Social

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *