O pasado 14 de outubro presentamos na Coruña o proxecto audiovisual co que celebramos o noso 30 aniversario: 30 historias que tamén son a nosa.

En Fundación Meniños cumprimos 30 anos de traballo polos dereitos da infancia e da adolescencia. Así nace «30 historias. 30 anos», un proxecto audiovisual que presentamos o 14 de outubro no Club Cámara Noroeste da Coruña, nun acto que reuniu algunhas das súas protagonistas.
Trinta voces, tres décadas de compromiso
Familias, profesionais e colaboradoras e colaboradores compoñen un mosaico de testemuños que percorre a nosa evolución desde o nacemento da Fundación ata hoxe. Cada unha destas persoas, desde un lugar distinto, acompañounos na defensa e promoción dos dereitos de nenas, nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade.
As pezas audiovisuais irán publicándose de forma progresiva durante os próximos meses na nosa web, meninos.org/es/30-aniversario.
Un fular e unhas luvas de boxeo
No acto participaron a nosa directora xeral, Verónica Rivadulla, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey. Tamén interviñeron David Burgos, colaborador da Fundación, e Shahrazad, nai participante no noso programa de Atención Perinatal.
Shahrazad trouxo un fular portabe
bés como símbolo do acompañamento que recibiu e que lle permitiu construír un futuro xunto á súa filla e afrontar con máis confianza unha nova etapa. David levou unhas luvas de boxeo, o deporte que o axudou a gañar confianza, atopar referentes e dar un xiro á súa vida. Hoxe, inspirado polas persoas que lle tenderon a man, dedica parte do seu tempo a apoiar outras persoas que atravesan momentos difíciles.
Jacobo Rey destacou a nosa capacidade para «xestionar programas dunha altísima sensibilidade» e subliñou a importancia da prevención e do traballo en rede para responder ás necesidades da infancia e das familias.
«Estas historias son a mellor maneira de contar quen somos»
«Trinta anos dan para moitas historias, e quixemos que fosen os seus propios protagonistas quen as contasen. Detrás de cada testemuño hai unha familia, unha infancia e un equipo que creu que o cambio é posible», explicou Verónica Rivadulla. Para nós, este aniversario tamén é unha oportunidade para poñer en valor trinta anos de aprendizaxe e de alianzas con administracións e empresas, e para seguir sumando apoios á nosa misión.