Fundacion Meniños

>

>

Programa Adopcións Especiais Galicia

Programa Adopcións Especiais Galicia

Cando non é posible a reunificación dunha nena, neno ou adolescente coa súa familia de orixe, a adopción pode converterse na medida definitiva que garante o seu dereito a vivir en familia e a desenvolverse nun contorno seguro, estable e protector.

O Programa de Adopcións Especiais de Galicia promove a adopción de nenas, nenos e adolescentes que, polas características da súa situación persoal, do seu contexto ou da súa historia vital, atopan maiores dificultades para acceder a unha familia adoptiva.

Para iso, traballamos na sensibilización social, na información, na formación e no acompañamento a persoas e familias dispostas a ofrecer un proxecto familiar adaptado ás necesidades destas nenas, nenos e adolescentes.

Algunhas das razóns máis habituais polas que a Administración deriva nenas, nenos e adolescentes ao Programa de Adopcións Especiais para a procura dunha familia son:

  • Ter entre 8 e 17 anos.
  • Tratarse dun grupo de irmás ou irmáns e, polo tanto, dunha adopción múltiple.
  • Presentar unha discapacidade física, psíquica, intelectual ou sensorial.
  • Ter unha enfermidade crónica.
  • Presentar necesidades específicas de apoio derivadas de trastornos do neurodesenvolvemento ou doutras condicións do desenvolvemento, con diagnóstico confirmado ou en proceso de valoración.
  • Outras circunstancias que, segundo o criterio técnico do equipo responsable, fagan máis complexa a súa adopción.

Que ofrecemos ás familias?

  • Información, orientación e sensibilización sobre as características destes procesos e as necesidades de apoio que poden presentar as nenas, nenos e adolescentes, favorecendo unha aproximación realista e informada á adopción especial.
  • Formación específica para as familias interesadas, na que se abordan as diferentes situacións que poden producirse na adopción especial. A través dela ofrécese unha visión axustada á realidade destes procesos e facilítanse coñecementos e ferramentas que favorezan unha crianza adoptiva sensible e adaptada ás necesidades de cada nena, neno e adolescente.
  • Preparación individualizada de cada núcleo familiar durante a etapa previa ao inicio da adopción, ofrecendo espazos de reflexión, resolución de dúbidas e apoio para favorecer unha toma de decisións consciente e unha preparación adaptada á realidade de cada familia.
  • Acompañamento durante a fase de integración familiar, ofrecendo apoio profesional nos primeiros momentos de convivencia e adaptación mutua.
  • Acompañamento durante os dous primeiros anos tras a adopción, adaptando a intervención do equipo ás necesidades que poidan xurdir en cada momento.
  • Orientación e acceso a recursos especializados, facilitando información sobre apoios, servizos e recursos comunitarios adaptados ás necesidades concretas de cada nena, neno, adolescente e familia.

Como podes informarte?

Podes chamarnos ou contactar co noso equipo a través de WhatsApp nos teléfonos: 678 752 393 e 676 618 924.

Tamén podes escribirnos ao correo electrónico: [email protected]

Este programa desenvólvese co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Programa adopcións especiais Galicia
¿Queres formar parte de Meniños?
Podes axudarnos facendote socio ou socia o mediante unha donación.
¿Quieres formar parte de Meniños?
Puedes ayudarnos haciéndote socio o socia o mediante una donación.