Acollemento Familiar e Adopcións Especiais Asturias

Un hombre y una mujer sonríen mientras miran a una niña
imaxe: pexels.com

A infancia é un período trascendental no desenvolvemento da vida. O que ocorre neste período vital condiciona as posibilidades de desenvolvemento pleno do ser humano. É por isto que atender con coñecemento e compromiso as necesidades dos nenos e nenas é, non só unha obriga legal, senón tamén unha responsabilidade social compartida que nos atinxe a tódalas persoas.

Esta obriga conleva artellar un sistema de protección que asegure o cumprimento de dereitos e cobertura das necesidades infantís e poñer en marcha unha serie de medidas, dispositivos e recursos que se despregan para prover a atención axeitada en función das diversas necesidades.

A lexislación, acorde coas necesidades e dereitos dos nenos e as nenas marca o principio de prioridade da familia de orixe. Cando isto non é posible, recóllese a prioridade do acollemento familiar sobre o residencial en situacións de grave deterioro da capacidade de protección, nas que a recuperación da familia biolóxica non é posible, temporalmente ou de forma definitiva; e a alternativa da adopción, pensada para proporcionar unha familia a nenos, nenas e adolescentes que carecen dela.

Ambas medidas, acollemento e adopción, teñen a súa base conceptual común na consideración e a satisfacción das necesidades evolutivas

da infancia e o concepto de parentalidade social. Derredor a un neno ou nena é necesario establecer un sistema de coidados, protección, afecto e seguridade. Cando este sistema de coidados non se pode prover desde as figuras biolóxicas, debe aparecer a parentalidade social, unha parentalidade aprendida, modelada na familia e no contorno social no que medramos, artellando ademais un proceso de apoio profesional, para que outras persoas asuman o rol de coidadoras e referentes, proporcionando a protección e afecto necesarios para o desenvolvemento san e para a superación das experiencias de desprotección vividas.

Desde esta concepción xorden os programas de acollemento familiar e adopcións especiais no Principado de Asturias promovidos pola “Consejería de Derechos Sociales y Bienestar”, xestionados pola Fundación Meniños. 

Neste programa préstanse os servizos de información, formación, emisión de informes psicosociais previos no procedemento de Valoración de Idoneidade, que permitan a valoración e emisión de proposta da idoneidade polo IAAIIF, acoplamento e seguimento, para facer efectiva calquera medida de acollemento familiar, e tamén de adopción de nenos e nenas con necesidades especiais que demandan unha especial dedicación da familia que os adopta.

Acollemento Temporal ofrece unha alternativa de convivencia en familia para nenos e nenas principalmente entre 0 y 6 anos, mentres a familia de orixe supera as súas dificultades. Ten carácter transitorio de máximo 2 anos.

Acollemento de Fins de Semana e Vacacións ofrece aos nenos, nenas ou adolescentes que residen en centros de protección un compromiso de tempo compartido nunha familia durante a fin de semana, festivos e vacacións.

Acollemento Permanente ten coma finalidade proporcionar una alternativa de convivencia en familia a aqueles nenos e nenas que non poden estar coa súa familia de orixe e non son susceptibles de adopción. 

Adopción Especial va dirixida a nenos, nenas e adolescentes en disposición de ser adoptados e adoptadas que, por presentar Necesidades Especiais, teñen unha maior dificultade para atopar unha familia.

Por necesidades especiais, enténdense as seguintes situacións que poden afectar aos nenos e/ou nenas:

  • Ser maiores de 6 anos.
  • Ser grupo de irmáns e irmás.
  • Pertencer a minorías étnico-culturais.
  • Padecer algunha enfermidade.
  • Ter discapacidade física, psíquica ou sensorial.
  • Presentar outras características que poidan condicionar igualmente o acollemento ou adopción.

Todo isto faise a través dun equipo multidisciplinar de 9 persoas tituladas en Psicoloxía, Traballo Social e Educación Social que acompañarán ás familias en todo o proceso de acollemento familiar e adopción de nenos e nenas con necesidades especiais.

Organizamos sesións informativas grupais para as persoas interesadas en ser familia acolledora ou adoptiva tódolos xoves ás 17:00 horas (é necesaria inscripción previa). 

Ademais, podes solicitar cita para unha sesión informativa individual. 

Solicita información chamando aos números: 985 20 81 24 // 900 841 521