Adopción especial

imaxe: pexels.com

A adopción é unha medida de protección á infancia que evita a súa institucionalización e que establece un novo núcleo de filiación para un neno ou nena en situación de desprotección, e polo tanto, tamén unha nova relación parental, coas mesmas responsabilidades e obrigas que a parentalidade biolóxica.

Cando falamos de adopción especial estámonos referindo a procesos de adopción de nenos e nenas con necesidades especiais, nunha situación de vulnerabilidade que demanda unha especial dedicación da familia que os adopta: nenos e nenas de máis de 8 anos, grupos de irmáns, nenos e nenas con dificultades físicas, psíquicas ou sensoriais, ou con calquera outra característica que require unha especial dedicación.

Estes nenos e nenas posúen unha historia de neglixencia e maltrato que deixa unha pegada vital que entra a formar parte da adopción, polo que o proceso adoptivo require un acompañamento ás familias que oriente, prepare e apoie a tódalas persoas implicadas.

  • Ofrecemos ás familias información, formación, orientación, acompañamento e apoio técnico durante todo o proceso, de maneira que a integración familiar se desenvolva de xeito satisfactorio.
  • Prestamos apoio psicolóxico a todas as familias nas que se presentan problemas de convivencia, dificultades na integración ou crises nalgún momento do proceso.
  • Desenvolvemos campañas de difusión e sensibilización sobre esta medida de protección a toda a sociedade galega, buscando novas familias dispostas á adopción de nenos e nenas con necesidades especiais.