Atención familiar en contornos de risco

imaxe: pexels.com

Un contexto familiar con risco para a infancia é aquel sumido en dinámicas de deterioro variadas (por situacións diversas de enfermidade, precariedade, exclusión, carencia de hábitos axeitados, crises familiares, violencia, falta de motivación ou conciencia das dificultades familiares, situacións de absentismo escolar e condutas de risco na adolescencia) que ameazan e deterioran a función de afecto, seguridade e protección que a familia debe aportar, e poñen en risco a axeitada protección dos fillos e fillas.

Moitos dos problemas persoais e sociais aos que resulta máis difícil e custoso facer fronte hoxe en día son debidos a dificultades relacionais e condutas problemáticas que emerxen durante a

etapa vital da adolescencia; situacións altamente complexas, con orixe en múltiples causas, que esixen unha abordaxe integral que poida aportar solucións eficaces e evite danos que se perpetúan na vida adulta.

Os primeiros sinais desas dificultades e esas tensións adoitan mostrarse no ámbito escolar e relacional: deixamento nos estudos, abandono escolar, comportamentos disruptivos, enfrontamentos, condutas de risco, etc. 

Nestas circunstancias realizamos unha intervención de carácter integral, cun apoio psicolóxico, social e educativo orientado a romper as dinámicas de funcionamento deterioradas:

  • Reactivamos as competencias e recursos para a crianza, previndo a separación dos nenos e nenas do seu e ambiente familiar e social.
  • Retomamos os procesos de reflexión e toma de conciencia sobre as dificultades, activando a disposición da familia para a axuda e a disposición da rede de recursos sociais para a súa recuperación.
  • Axudamos ás familias a entender e abordar os cambios que o sistema familiar debe introducir no período adolescente, conservando o valioso clima familiar necesario para que a persoa adolescente poida despregar todo o seu potencial positivo.
  • Ofrecemos un apoio psicosocial aos nenos, nenas e adolescentes para evitar ou corrixir condutas de absentismo escolar e outros comportamentos de risco.
  • Asesoramos á rede de recursos sociais e educativos da comunidade, xerando sinerxías que potencian a eficacia das actuacións desenvoltas por todos os axentes do sistema de recursos comunitarios en torno ás familias.