Atención perinatal a mulleres en situación de vulnerabilidade social

imaxe: pexels.com

O coñecemento acumulado pola investigación sobre protección á infancia nas últimas décadas, apunta a un feito moi significativo: a relación de apego seguro (incondicionalidade, implicación emocional, dispoñibilidade e seguridade na relación establecida co bebé dende o primeiro momento) é un factor primordial para garantir protección dos nenos e das nenas. O desenvolvemento desa relación de apego comeza moi cedo, nas primeiras semanas de vida. E por iso as condicións favorables para establecer esa relación son esenciais e necesarias dende o momento do embarazo.

Se as condicións de vida das nais son desfavorables: mulleres soas, sen apoio, en situación de precariedade económica, desemprego, illamento social, marxinación, etc., esta vulnerabilidade social convértese nun factor de risco para unha maternidade saudable e para a protección axeitada aos fillos e fillas.

Para evitar o sufrimento persoal de estas mulleres e evitar o risco de desprotección dos seus fillos e fillas é imprescindible ofrecéndolles a atención psicosocial axeitada:

  • Acompañamos ás mulleres nesta etapa importante da súa vida no desenvolvemento de un espazo de sintonía coas necesidades dos seus fillos e fillas dende o embarazo ata o ano e medio de vida.
  • Xeramos un espazo de coidado psicolóxico para as mulleres embarazadas que permita rebaixar os niveis de estrés, promover a resiliencia marental e xerar un espazo de coidado e bo trato que facilite a creación das condicións prenatais e de posparto axeitadas para a xeración dun vínculo afectivo san cos e cas bebés.
  • Desenvolvemos obradoiros de coidado psicosocioeducativo para traballar o vínculo cos fillos e fillas dende o embarazo ata os 18 meses de idade dos e das bebés.
  • Previmos e detectamos posibles problemas emocionais e de desenvolvemento de nenos e nenas encamiñándoos aos circuítos de coidado específico…
  • Previmos a entrada de bebés ao sistema de protección, reducíndoa.