Intervención familiar especializada

imaxe: pexels.com

Cando un neno ou unha nena ten sufrido a falta de coidados, o rexeitamento ou o maltrato por parte das persoas que deberan ser responsables do seu coidado, o efecto dese dano queda indefectiblemente ligado á súa memoria e condiciona o seu desenvolvemento. Na actualidade sabemos que a plasticidade cerebral, a capacidade interna de cambio e os apoios externos poden reparar o efecto destas vivencias e axudar a transformar o modelo mental de relación, o noso esquema de como pensamos, como sentimos e como nos relacionamos, permitindo proxectarnos con éxito cara o futuro.

A través da intervención familiar especializada podemos actuar sobre todo o sistema familiar e mellorar a súa resiliencia e a súa vinculación, actuando sobre os seus factores protectores e sobre o apego, o vínculo afectivo singular que se establece nos primeiros anos de vida e proporciona seguridade, coidado e protección, fundamental para o desenvolvemento san e para o benestar bio-psico-social das persoas.

Apoiar aos pais e nais para que poidan entender a importancia de ser xeradores deste vínculo, axudarlles a dar sentido e integrar as súas vivencias, ofrecerlles apoio, asesoramento e intervención adecuada para recuperar as súas capacidades protectoras, é un dereito para todas as persoas e unha necesidade ineludible para os seus fillos e fillas. Con axuda moitas das familias poden recuperarse. 

Esta intervención debe facerse desde unha perspectiva global e integradora, que entende á persoa dentro do seu sistema familiar, o seu marco de relacións próximas, e a este dentro do contexto social que o rodea; asumindo que o cambio é posible e que pode ser inducido activando as capacidades e recursos das familias, proporcionando ferramentas que lles permitan non só exercer adecuadamente a protección, senón tamén contribuír decisivamente ao benestar integral dos nenos, nenas e adolescentes, reorganizando o sistema familiar para unha maior fortaleza e eficacia ante dificultades e retos futuros.

A intervención supón unha atención personalizada de carácter integral, cun apoio psicolóxico, social e educativo que permitirá romper esas dinámicas de funcionamento deterioradas para que a familia:

  • Poida recuperar as súas habilidades protectoras evitando a separación dos nenos e nenas.
  • Se poida reunificar, no caso de que o deterioro fose tan severo que supuxera a institucionalización dos seus fillos e fillas.
  • Ou poida acadar unha mínima estrutura funcional que lles permita ser un referente positivo para os seus fillos e fillas, aínda no caso de separación.

Meniños traballa en intervención familiar dende 1996, mostrando uns resultados de recuperación das familias en torno ao 70%.

O Programa de Integración Familiar recibiu o Recoñecemento á Promoción da Parentalidade Positiva outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e a Federación Española de Municipios e Provincias en 2019.