Laboratorio de investigación: LIANA

Este laboratorio é un recurso do Centro de Asesoramento e Psicoterapia da Fundación Meniños.
Ten como finalidade xerar coñecemento, a través da supervisión, a investigación e a innovación relativos á intervención terapéutica no coidado ás persoas, a formación especializada e a sistematización e integración da experiencia acumulada para a difusión de resultados.
Todo traballo de investigación é un traballo de cuestionamento, preguntámonos: como axudar ás familias a reconstruír historias de trauma e sufrimento en historias resilientes?, en que medida as nosas historias inflúen na forma en que coidamos?, é dicir, que pasa coas historias dos equipos profesionais?, unha vez que as familias toman contacto con nós, non entramos a formar parte do seu tecido narrativo? e como facelo ben, sen causar un dano moral?
A narrativa do trauma é a intervención central no tratamento nas situacións de trauma complexo e, particularmente, no tratamento do abuso sexual. A construción da narrativa do trauma é unha técnica que debe afrontar numerosos escollos: as distorsións cognitivas causadas pola persoa abusadora, o efecto do estrés postraumático, a reacción do contorno fronte ao dano (as persoas coidadoras poden reaccionar reactivando o trauma e tamén sufrindo estrés postraumático secundario), e o ritmo no que a persoa abusada é capaz de integrar o abuso no relato xeral da súa biografía. Á súa vez, é necesario identificar e coñecer as circunstancias nas que a labor de narrativa do trauma pode resultar en iatroxenia.
Contamos coa colaboración do centro INTRA-TP, referente na avaliación, estudo e tratamento do trauma e a formación continua no ámbito sanitario.
