Puntos de encontro familiar

imaxe: pixabay.com

Hai parellas que atravesan separacións conflitivas que afectan notablemente aos seus fillos e fillas. Isto pode suceder a persoas de calquera estrato sociocultural e educativo, alén do seu grao de integración social e do seu nivel de estruturación persoal e familiar. 

Cando o nivel de conflito é moi alto (persoas que están atravesando momentos emocionalmente difíciles, con moita tensión, enfrontamentos, sentimentos de perda, violencia, etc.) faise difícil o cumprimento do réxime de contactos cos seus fillos e fillas pautado por sentencia, e incluso o contacto con outros familiares (familia extensa). Nestas situacións e requírese un apoio especializado e un lugar neutral e seguro, que axude a facilitar a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade dos nenos e nenas.

Para garantir o dereito fundamental dos nenos e nenas a relacionarse con ambas persoas proxenitoras despois dunha separación, sempre que isto contribúa a un desenvolvemento saudable, creáronse os puntos de encontro familiar en Galicia, destinados a resolver e previr conflitos, a facilitar a relación entre os nenos e nenas e as persoas adultas da súa familia en situación de conflito e a alcanzar a normalización das relacións familiares.

Estes puntos de encontro son tamén o lugar que permite os encontros seguros con proxenitores que están cumprindo medidas de privación de liberdade ou con proxenitores en procesos complexos de acollemento familiar.

  • Facilitamos a entrega e recollida dos nenos e nenas no desenvolvemento do réxime de visitas establecido.
  • Supervisamos e tutelamos os encontros entre proxenitores e fillos e fillas que se desenvolven no punto de encontro.
  • Realizamos actuacións de orientación, apoio familiar, intervención e negociación e outras intervencións psicosocioeducativas encamiñadas a reducir o impacto da nova situación familiar e a preparar as contornas familiares para que poidan afrontar as relacións cos fillos e fillas de forma normalizada.

Material relacionado