Protección á infancia e á adolescencia

imaxe: pexels.com

Protexemos á infancia fortalecendo familias

Vivir en familia non é só un dereito fundamental da infancia, senón tamén o modo máis eficaz para garantir o adecuado desenvolvemento dos nenos, nenas e adolescentes e a satisfacción das súas necesidades. Así, en Meniños axudamos aos nenos e as nenas traballando coas familias, apoiándoas para que conserven ou restablezan as súas condicións protectoras e, cando isto non é posible, procuramos contornas familiares alternativos: familias acolledoras e adoptivas, que eviten a súa institucionalización.

Cremos que o potencial de cambio e transformación social está no traballo preventivo, polo que dedicamos especial atención á construción de propostas educativas e de sensibilización para contribuír á creación de contornas bentratantes coa infancia e a adolescencia e a promover valores de respecto, solidariedade, convivencia, igualdade e inclusión desde a infancia.

Ademais, reparamos as consecuencias que a desprotección, o maltrato e o abuso provocaron e procuramos a activación de outros recursos sociais e comunitarios que axuden aos nenos, nenas e adolescentes a construír o seu futuro, potenciar o seu vínculo co seu contorno orixinario e favorecer a súa cidadanía activa, garantía dunha sociedade unida e solidaria, coa capacidade para medrar de forma sostible e equitativa.

Para iso desenvolvemos programas integrais especializados de apoio psicolóxico, social e educativo adaptados a cada circunstancia familiar, restaurando dinámicas de coidado e bo trato sobre a infancia, actuando ao longo de todo o ciclo vital, desde a concepción.

A responsabilidade colectiva na protección á infancia

A infancia é un período transcendental da vida que condiciona as posibilidades de desenvolvemento pleno do ser humano. É por isto que atender con coñecemento e compromiso as necesidades dos nenos e nenas é, non só unha obriga legal, senón tamén unha responsabilidade social compartida que nos compete a tódalas persoas.

Os países máis evolucionados son conscientes de que o investimento social na infancia é o que presenta maiores efectos positivos para o conxunto da sociedade, converténdose nunha ferramenta estratéxica para romper o círculo vicioso da pobreza e as desigualdades.

En España ábrense anualmente uns 50.000 expedientes de protección. Destes, aproximadamente 17.000 nenos, nenas e adolescentes acaban vivindo en centros de protección e 19.000 baixo unha medida de acollemento familiar.

A solución pasa necesariamente por prestar unha atención especial á familia, como eixo central da vida social. A familia é unha das institucións máis valoradas da nosa sociedade, polo que a súa promoción e protección beneficia ás persoas, especialmente aos nenos, nenas e adolescentes, e á sociedade en xeral.