Queremos máis rúas para elas
Un xeito de proporcionar máis visibilidade a figuras e referentes femininos é incluír máis mulleres nos rueiros das nosas vilas e cidades.
O nome das rúas actuais referencia case sempre persoeiros masculinos por mor da diferenza dos roles tradicionalmente asignados a homes e mulleres.
Desde Newtral analizaron 39.251 rúas de 69 cidades españolas (capitais de comunidade autónoma ou cidades de máis de 100.000 habitantes ), e a conclusión foi que só o 15% estaban dedicadas a mulleres. Delas, a maioría pertencen ao ámbito relixioso.
Máis información: https://www.newtral.es/las-calles-de-ellas/tour
Por isto neste 8M nos pareceu interesante destacar iniciativas coma a que conseguiu que a cidade da Coruña, na que só un 5% do nomenclátor de rúas está dedicado a mulleres, lle outorgase unha á astrónoma ourensá Antonia Ferrín Moreiras no 2022.
Antonia Ferrín Moreiras defendeu en 1963 a primeira tese de astronomía que se leu na Facultade de Matemáticas da USC, que era ademais a primeira tese que trataba de astronomía defendida por unha muller en España. Antonia foi unha muller extraordinaria que traballou incansablemente con grande intelixencia e paixón polo coñecemento.
Ti tamén podes contribuír a que haxa máis rúas para elas. Actualmente hai abertas diversos proxectos que traballan nesta liña. Propoñemos #Merezcounacalle, unha actividade didáctica cuxo obxectivo é recoñecer e poñer en valor a aportación das mulleres nos rueiros municipais. Para iso, os colexios participantes contactan cos concellos para solicitarlles que as novas rúas que se abran teñan nome de muller.
Máis información: https://www.merezcounacalle.com