Representación Solidaria de “Historias Enguedelladas” no Teatro Principal de Ourense

|

O Teatro Principal de Ourense acolleu o pasao 6 de febreiro unha representación da Aula de Teatro do IES de Cacheiras, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, e a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Touro.

A peza representada, titulada “Historias enguedelladas”, é unha creación colectiva do alumnado participante nos mencionados obradoiros de teatro, de entre 12 e 17 anos, e conta co apoio na produción de Alentía Teatro e Metátese Teatro.

O espectáculo desenvolve unha aposta decidida, a través de varias historias tradicionais teatralizadas, por valores esenciais coma a defensa da biodiversidade, o respecto polo medio ambiente e pola diferenza, a reivindicación da cultura da paz e o diálogo, a tolerancia, a solidariedade con aqueles seres humanos que máis sofren, a inclusión daquelas persoas con capacidades diversas… 

A sesión, dirixida a público escolar, foi solidaria, xa que o importe íntegro recadado a través da venda de entradas (cun prezo de 2 euros) irá destinado aos programas que desenvolve a Fundación Meniños. Agradecemos o apoio dos rapaces e rapazas asistentes do IES San Mamede de Maceda, IES Universidade Laboral de Ourense e IES do Camiño de Palas de Rei.

Queremos dar especialmente as grazas aos coordinadores Afonso García Penas e Xosé Eixo Branco, que con tanto agarimo organizaron un ano máis este evento solidario que significa un grande apoio ao noso traballo a prol da infancia e adolescencia.

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *