Fundacion Meniños

Sharenting: infancia e privacidade na era dixital

Na era das redes sociais, compartir momentos da crianza volveuse habitual. O termo sharenting —fusión de share (compartir) e parenting (crianza)— define precisamente esa práctica: publicar imaxes ou información sobre os nosos fillos e fillas en plataformas dixitais. Aínda que pode parecer inofensivo, expón un debate profundo sobre a privacidade, a autonomía infantil e os riscos que esta exposición conleva.

Entre o orgullo e a protección

Algunhas familias comparten fotos das súas fillas e fillos en redes públicas, tentando manter un equilibrio entre o recordo e a privacidade. A medida que os nenos e nenas  medran, algúns pais e nais pregúntanlles se están  dacordo co que se publica, tentando respectar a súa opinión e a súa vontade. No outro extremo hai pais que deciden non expoñer aos seus fillos e fillas. Consideran que deben ser eles e elas quen, no futuro, decidan que imaxe queren proxectar e que pegada dixital desexan deixar.

Alármanse ante os perigos que existen; uso non autorizado de imaxes, acoso, grooming ou mesmo o roubo de identidade e deciden non publicar nada en absoluto.

Unha conversación necesaria tamén dentro da familia

Este dilema esténdese alén dos pais e nais. Moitas veces, os avós ou outros familiares comparten fotos sen ser plenamente conscientes dos riscos. É necesario ampliar esta conversación a toda a contorna.

Riscos reais e marco legal

Segundo expertos legais, o sharenting pode facilitar a creación de perfís de menores, revelar rutinas mediante xeolocalización ou ser utilizado para fins ilícitos como o phishing ou os deepfakes. En España están a darse pasos para lexislar de forma máis clara sobre este fenómeno, especialmente en vista do o aumento de conflitos por publicacións non consensuadas ou solicitudes de mozas que queren eliminar contido compartido na súa infancia.

Por que seguimos compartindo?

Existen múltiples motivos; a necesidade de validación, o desexo de mostrar unha imaxe idealizada da familia ou a convicción de que “nada malo vai pasar”. Con todo, esta exposición pode afectar negativamente as nenas e nenos, xerando vergoña, desconfianza ou problemas de autoestima. En casos máis delicados, como a publicación de diagnósticos médicos, o impacto pode ser aínda maior.

Que podemos facer?

Desde Meniños cremos que é fundamental fomentar unha crianza dixital consciente, que poña no centro o dereito á privacidade e ao desenvolvemento integral da infancia.

Deixámosvos algunhas recomendacións básicas:

  • Preguntar aos nenos e nenas antes de publicar (se teñen idade suficiente).
  • Evitar imaxes que mostren lugares habituais, rutinas ou detalles sensibles.
  • Configurar perfís como privados e eliminar metadatos das imaxes.
  • Falar con familiares e establecer acordos sobre o que se pode ou non compartir.
  • Reflexionar sobre as nosas motivacións ao publicar: realmente facémolo por eles e elas polo noso interese?

 O sharenting non é un fenómeno menor: é unha cuestión de dereitos. E nun mundo cada vez máis dixitalizado, protexer a identidade e o futuro da infancia tamén pasa por coidar a súa imaxe en liña.

¿Queres formar parte de Meniños?
Podes axudarnos facendote socio ou socia o mediante unha donación.
¿Quieres formar parte de Meniños?
Puedes ayudarnos haciéndote socio o socia o mediante una donación.