Valoramos o Proyecto de Ley de Familias aprobado no Consejo de Ministros

As nosas compañeiras do Punto de Encontro Familiar de Ribeira comparten nas seguintes liñas a súa percepción do Proyecto de Ley de Familias que vén de ser aprobado recentemente no Consejo de Ministros:
Dende o equipo valoramos positivamente o contido da norma, especialmente polo seu enfoque integral (recolle prestacións económicas pero tamén fai alusión a aspectos de índole estrutural como vivenda, emprego, perspectiva de xénero, o recoñecemento da diversidade de modelos familiares, acceso á educación, conciliación e corresponsabilidade, ocio e tempo libre ou recursos da rede pública que interveñen a nivel psicosocioeducativo coas familias) e tamén polo feito de poñer no centro o benestar da infancia e a adolescencia.
Neste marco, o proxecto contempla medidas de apoio e prestacións enfocadas nas primeiras etapas da vida (unha prestación económica de 0 a 3 anos e un marco estatal de apoio aos primeiros mil días), medidas que poden considerarse insuficientes se teñen como obxectivo apoiar á crianza e reducir a pobreza infantil. Neste sentido, rescátase a idea dunha prestación universal compatible con outras prestacións que poidan estar recibindo as familias en situación de vulnerabilidade, o cal resulta coherente co principio de interseccionalidade que recolle a norma.
Por outro lado, convén destacar que esta lei supón un avance importante en canto á visibilización e recoñecemento de modelos familiares non normativos, o cal permite que a diversidade da realidade social impregne os textos legais e sente xurisprudencia á hora ditar sentencias en materia civil e penal relacionadas coa realidade familiar. Alén desta visibilización, tamén convén que isto se materialice en medidas tanxibles, o cal se relaciona de maneira directa co enfoque de cumprimento de mínimos requisitos que a lei mostra á hora de traspoñer os permisos recollidos na Directiva 2019/1158. Neste sentido, considérase a importancia de que estes permisos parentais e de coidados poidan ser remunerados, así como que se contemple a súa ampliación para que se adapten adecuadamente ás necesidades de coidado da infancia.