Meniños recibe o premio “Boas prácticas” da Deputación da Coruña na categoría de infancia e familia

| |

Meniños é unha das entidades sociais que foi galardoada pola Deputación da Coruña na entrega dos IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, premios que recoñecen o compromiso e a traxectoria de entidades e profesionais que traballan pola inclusión social e o benestar das persoas máis vulnerables da provincia.

O acto de entrega celebrouse en Palexco (A Coruña) e contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, representantes dos distintos grupos políticos da corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, e unha ampla representación do tecido asociativo das entidades sociais da provincia.

A nosa directora, Verónica Rivadulla, recolleu este recoñecemento que se lle outorga ao noso programa de atención perinatal na categoría de Familia, Infancia e Adolescencia. No seu discurso de agradecemento, Verónica puxo en valor o traballo das compañeiras que desenvolven este proxecto e a vontade e fortaleza das familias participantes.

Entidades premiadas

A Deputación da Coruña dota con 42.000 euros estes premios (7.000 € a cada unha das entidades premiadas), que servirán para que podan seguir desenvolvendo e consolidando os seus proxectos. Ademais de Meniños, outras das entidades galardoadas nos IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais son COGAMI, en recoñecemento á súa traxectoria, EAPN Galicia na categoría de Investigación científica en servizos sociais; a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) en accións sociais no ámbito rural; a Asociación Raíña Paraíso de Mesía na área de atención a persoas maiores, discapacidade e dependencia; e a Asociación Arraianas.

Publicacións similares