
En toda España, a pobreza está a afectar con maior intensidade á infancia, pois son principalmente as familias con fillos e fillas menores de idade as que carecen de recursos e se atopan en situación de exclusión social.
Galicia, a pesar de rexistrar os mellores datos do Estado, non escapa desta problemática: ao redor de 58.000 nenos, nenas e adolescentes viven en situación de risco, segundo o informe Análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia en Galicia, elaborado pola Plataforma de Infancia Estatal en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, das que formamos parte.
A taxa de risco de pobreza infantil en Galicia ten valores inferiores aos da media nacional (16% fronte ao 34% estatal) 7,7 puntos menos ca no ano anterior. De feito, Galicia é a única comunidade que acada os obxectivos de desenvolvemento sustentable fixados por la ONU para 2030 (estar por debaixo do 17%).
Estes datos amosan un importante avance na loita contra a pobreza na nosa comunidade. Porén, este progreso non é suficiente, xa que ningún neno ou nena debería ter que medrar en situación de precariedade económica.
A pobreza ten consecuencias fondas e duradeiras na infancia, afectando tanto o desenvolvemento físico coma emocional dos nenos e nenas. A falta de acceso a unha alimentación axeitada, atención médica, educación de calidade e un entorno seguro limita seriamente as súas oportunidades de medrar e aprender. Os nenos e nenas que medran en situación de pobreza teñen un maior risco de padecer enfermidades, mala alimentación e abandono escolar, o que perpetúa o ciclo da pobreza ao longo das xeracións. Ademais, o estrés constante asociado á inseguridade económica pode afectar a súa saúde mental e o seu benestar xeral, deixando pegadas que persistan mesmo na idade adulta.
Ante esta situación, como entidade membro da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reclamamos accións concretas: reforzar a renda garantida de cidadanía, poñer en marcha un plan de apoio específico para familias monoparentais, garantir vivendas dignas e accesibles, mellorar o acceso a bolsas comedor e promover actividades de lecer ligadas aos comedores escolares. Tamén esiximos que, como mínimo, o 5 % dos fondos do FSE+ se destinen á loita contra a pobreza infantil, asegurando recursos estables para políticas que poñan o foco na infancia.
Podes ler a análise completa aquí: