O sono nos bebés
Este mes de marzo conmemoramos o Día Mundial do Sono.
Os seres humanos durmimos arredor dun terzo da nosa vida. Durmir é unha actividade necesaria que permite restablecer o equilibrio físico e psicolóxico básico. Por tanto, o sono durante os primeiros anos de vida ten un papel fundamental no desenvolvemento e benestar infantil ao favorecer os procesos atencionais e de memoria, a consolidación da aprendizaxe, etc.
Cando nace un ou unha bebé, vese na obriga de amoldarse a unha familia que xa ten unha estrutura establecida e cuns ritmos aos que se debe adaptar. Porén, é preciso ter en conta que un sono inadecuado por calidade e/ou cantidade pode afectar ao funcionamento de nenos e nenas de xeito significativo, alterando o seu comportamento e o seu estado de ánimo. Os proxenitores teñen a tarefa de brindarlle apoio aos seus fillos e fillas e axudarlles a desenvolver bos hábitos dende a primeira infancia.
Sabemos como é o sono en bebés?
Sono prenatal
As fases do sono xa aparecen no terceiro trimestre do embarazo e a partir da semana 36 os e as bebés xa teñen fases de sono e vixilia.
• O sono do ou da bebé é independente do sono da nai. Incluso parece que precisamente cando ela durme é cando o neno está máis activo.
• O sono da nai tamén cambia dende o primeiro trimestre de embarazo, xa que diminúe a cantidade total do sono e a eficacia do mesmo, hai máis espertares nocturnos e menos sono profundo que na muller non embarazada.
Como é o sono durante os primeiros tres meses?
Un neno ou nena neonato pode chegar a durmir de 14 a 18 horas. Dormen tanto de día como de noite dando pequenas cabezadas. Non distinguen entre día e noite.
Os e as bebés pequenos dormen cando teñen as necesidades básicas cubertas:
• Alimentación
• Hixiene
• Necesidade de contacto
• Sentirse seguro ou segura.
Como é o sono dos 4 aos 7 meses?
Pouco a pouco o sono deixa de ser tan caótico e impredicible e comeza a adquirir o ritmo circadiano ao concentrarse o descanso en varias sestas ao longo do día e un período máis longo (podendo alcanzar 5 horas de sono ininterrompidas) durante a noite.
Como é o sono dos 8 aos 12 meses?
Arredor dos oito meses, a maioría dos nenos e nenas viven a angustia de separación: adoita manifestarse durante o día mediante choros ao existir unha separación coa persoa coidadora e mediante a noite cun maior número de espertares.
Queren estar en brazos continuamente e non admiten estar máis que coa súa figura de apego, que adoita ser a nai.
Como é o sono de 1 a 2 anos?
O neno ou a nena xa é cada vez máis autónomo ou autónoma, e tamén é capaz de durmir máis horas sen interrupcións.
Aínda que a angustia de separación posiblemente estea superada, é probable que aparezan máis crises de forma cíclica que van afectar ao sono do ou da bebé.
Aparecen novos fitos: camiñar, correr, falar… que necesitan práctica e que os nenos e as nenas queren experimentar ao longo do día e da noite para chegar a controlalos. Para evitar que as crianzas adiquen a noite a tales ensaios, debemos facilitarlles a práctica durante o día.
Consellos básicos para durmir a un ou unha bebé
Descansar durante o día: está comprobado que un ou unha bebé demasiado cansado ou cansada vai tardar máis tempo en durmirse e espertará máis frecuentemente.
Empregar rutinas e rituais para preparar o sono:
• Manter ao neno ou nena activo durante o día: saír ao parque, xogar, rir, correr… respectando o seu tempo de descanso.
• Establecer unha hora relativamente fixa para ir durmir.
• Dende dúas horas antes de ir durmir, evitar actividades excitantes, especialmente tablets ou a televisión.
• Falar de como foi o día e analizar distintas situacións.
• Baño e masaxe.
• Ler un conto.
Para minimizar os espertares, durmir cerca do ou da bebé.