Fundacion Meniños

Coidar ás familias vítimas da guerra en Ucraína

Ante a atrocidade, sempre humanidade: empatía, calor, sostemento, compaixón, acción e por suposto razón e reflexión.

Cando nos intimida o horror, móvenos o ímpeto da acción. Así debe ser, así é, pero sempre actuando desde o coñecemento, a comprensión e a reflexión, tendo presentes as necesidades particulares e a complexidade global, ensanchando a mirada, para protexer con control e con seguridade. A clave é atenuar danos e non engadir máis dor ao xa existente.

Pensando na infancia sometida ao horror que está padecendo Ucraína, debemos ordenar rápido o noso pensamento e planificar razoadamente a nosa acción.

A prioridade é ofrecer axuda, refuxio, acollida ás decenas de miles de nenos e nenas, que son sempre o ser humano máis débil e impotente fronte á guerra.

Pero ordenemos a axuda e as prioridades para ser verdadeiramente útiles. 

Calcúlase que hai uns 98.000 nenos e nenas acollidos no sistema de protección residencial do país. Eles e elas son a prioridade, necesitan ser localizados e trasladados, sempre ao país seguro más cercano, onde podan sentir a seguridade que proporciona a proximidade á súa cultura, ao seu país, ao seu territorio, ao seu paisaxe real e emocional.

Miles de nenos e nenas quedan sós nas fronteiras, afastados do conflito, do horror, polas súas nais, coa esgazadura e a dor que isto supón. Manteñámolos seguros, acollidos, o máis preto posible das súas familias, do seu país, das súas vivencias, do que coñecen e lles aporta sostemento no drama que están a vivir.

No caso doutros miles, con vínculos noutros países, con familia, con amigos, con referentes seguros, o mellor pode ser que se traslade a estes nenos e nenas xunto a aquelas persoas que poden aportarlles seguridade, coidado e amor nestes momentos. 

Aos nenos e nenas acompañados polas súas nais, desoladas e desesperadas fuxindo do seu país para protexer aos seus fillos e fillas, axudemos a mantelos xuntos, unidos, se é posible preto do seu país, onde quedan as súas familias, as súas parellas, os seus referentes, os seus afectos, as súas vidas suspendidas.

Acollamos á infancia co control e a seguridade do sistema de protección, o tempo que precisen, aportando seguridade, acompañamento, entendemento e sostemento na súa dor. Os seus pais e nais, os seus avós e avoas, os seus irmáns maiores, os seus amigos e amigas, a súa casa, a súa escola, o seu parque, toda a súa vida queda prendida do seu país. Acollamos entendendo o que supón, o que se precisa e o que debemos ofrecer.

A maioría destes nenos e nenas foron sido protexidos polas súas familias, dentro das súas posibilidades, postos a salvo da guerra, do horror. Víronse arrincados dos seus vínculos, o seu país, a súa familia e a súa historia en cuestión de horas. Precisan protección adaptada ás súas circunstancias, pensando na globalidade e complexidade das súas situacións familiares nun país en guerra.

O trauma da guerra deixa pegadas imborrables no noso cerebro, na nosa neurobioloxía, transmisibles ás seguintes xeracións. Pero a nosa condición humana, a nosa empatía, o noso coidado, o noso amor, tamén. Sexamos humanos xenerosos, coidadosos, acolledores, sensatos, reflexivos e compasivos. 

Esta situación require do mellor da nosa condición humana. 

Mónica Permuy López
Directora 
Fundación Meniños

¿Queres formar parte de Meniños?
Podes axudarnos facendote socio ou socia o mediante unha donación.
¿Quieres formar parte de Meniños?
Puedes ayudarnos haciéndote socio o socia o mediante una donación.