Comezamos un novo curso escolar con “Viaxe ao Reino das Emocións”
Bo día rapaces e rapazas!! Como vos botaba de menos! Pasaron tantos meses sen ir ao cole que seguro que hoxe estades con nervios e ilusión por volver a atoparvos coas vosas mestras e mestres e ver de novo a todos os compañeiros e compañeiras. Este ano vai ser unha volta ao cole diferente, onde imos ter que coidarnos un chisco máis e por iso na clase teredes novas rutinas. Algúns tamén teredes que levar máscara, coma min, pero seguro que xa tedes costume de antes de entrar ao cole e senón xa veredes como enseguida vos adaptades.
Pola miña parte, eu estou desexando compartir este novo curso con vós, e seguir aprendendo no Reino das Emocións. Haberá novidades, como máis actividades e tamén unha pequena sorpresa que está preparando o noso amigo Quirón… que será? Espero poder contárvola pronto!
Unha grande aperta, vémonos na clase!
O proxecto “Viaxe ao reino das emocións” facilítase de maneira gratuíta aos centros educativos galegos. Está pensado para Educación Infantil e primeiros cursos de Primaria. Se es un mestre ou mestra e queres información, contacta no teléfono 881 969 463 ou no e-mail proxectos.educativos@meninos.org.