Prevención e promoción do bo trato
Promoción dunha cultura do bo trato á infancia e o exercicio dunha parentalidade responsable.

Proxectos educativos e preventivos
Unha das nosas preocupacións fundamentais é a sensibilización acerca dos dereitos da infancia e as súas necesidades, e a promoción dunha cultura do bo trato aos nosos nenos e nenas, garantía fundamental da construción dunha sociedade mellor, máis xusta e solidaria.
Dedicamos importantes recursos á elaboración de materiais de carácter educativo e preventivo dirixidos aos nenos e nenas de educación infantil e primaria e ás súas familias, para traballar a través dos colexios e entidades de tempo libre na adquisición e a práctica de habilidades e competencias que permitan aos nenos e ás nenas e ás súas familias desfrutar unha crianza responsable, promovendo actitudes de solidariedade, responsabilidade e participación no coidado á infancia e especificamente na educación emocional pronta, como base de canalización de todo o noso potencial humano, enfocado ao desenvolvemento dunha vida plena e responsable.
Nos últimos anos creamos e levamos a cabo os seguintes proxectos:
Facendo Familias Educación Infantil e Primaria: Proposta educativa para fomentar a participación da infancia na construción dun ambiente familiar positivo, de seguridade e afecto.
Cando o semáforo está en ámbar: Proxecto dedicado á detección e atención temperá de nenos e nenas en dificultade social desde a Escola.
Convivimos: Proposta educativa para fomentar unha convivencia baseada no respecto á diversidade e na igualdade en dereitos e responsabilidades.
Xogamos?: Talleres de xogo en familia para promover o exercicio positivo do rol parental.
Viaxe ao reino das emocións: Proposta para a educación emocional infantil.
Actualmente estamos desenvolvendo en centros educativos de toda Galicia o proxecto “Colexio do Benquerer”, que nace co obxectivo de acercar aos centros educativos unha educación afectivo sexual baseada no bo trato, a confianza, o respecto, a diversidade e o pensamento crítico, tendo de marco de referencia a educación emocional e a coeducación.
O proxecto, destinado a alumnado dos últimos cursos de Educación Primaria de Galicia, está pensado para traballar esta temática a través de actividades e xogos nos que se abordarán temas como o coñecemento e aceptación do corpo, a diversidade sexual e a prevención do abuso sexual.
Queremos con isto promover o Benquerer non soamente como etiqueta, senón como concepto: querer ben, con confianza, en igualdade, con liberdade e con respecto.
A proposta está ambientada no imaxinario “Colexio do Benquerer”, un centro domótico de nova construción dirixido por “Antía Aloumiños”.
Neste vídeo podedes coñecelo:
E aquí atoparedes información máis detallada sobre a proposta.