Pobreza e Saúde Mental na Infancia

imaxe: freepik

A pobreza ten un impacto pernicioso directo sobre a saúde mental, especialmente nas primeiras idades da vida, tallando as posibilidades de desenvolvemento pleno da persoa. 

A infancia, especialmente a primeira infancia, é un período transcendental para o desenvolvemento do ser humano; só precisamos pensar que no cerebro están a producirse nos primeiros anos de vida entre 800 e 1000 conexións neuronais por segundo, que están a forxar os nosos circuítos cerebrais, a nosa fisioloxía, o noso desenvolvemento cerebral e por tanto o noso pleno desenvolvemento a nivel mental e emocional. 

O substrato principal que actúa como condicionante dese desenvolvemento, é a contorna na que nenos e nenas crecen, unha contorna que ten que ser estimulante, que conter unha pluralidade, diversidade e extensión de variables, contextos e elementos que posibiliten a activación das redes neuronais, unha contorna de oportunidades no social e no individual, desde o máis básico, alimentarse, habitar unha casa, atención física, hixiene, etc., ata as necesidades máis elevadas e sofisticadas, protección, vinculación, seguridade, dispoñibilidade, amor, respostas continxentes, contacto social, xogo, contornas de aprendizaxe… 

Cando a pobreza se instala, o seu efecto é completamente integral na vida das persoas que a padecen. Non é unha cuestión de parcelas, é global, sistémica. Unha familia afectada pola pobreza terá dificultades para alimentarse, para manter unha vivenda, para acondicionala adecuadamente, para protexerse do frío ou da calor, pero tamén para xestionar as vidas e necesidades de todos os membros da familia e especialmente para manter o equilibrio mental e emocional. Tal e como nos lembran constantemente expertos en crianza e neuropsiquiatría, como Barudy, Cyrulnik e Rygaard, tan importante como a alimentación é a nutrición emocional, o alimento afectivo. Permanecer en situación de pobreza produce un dobre efecto pernicioso sobre a infancia. 

Por unha banda ocasiona directamente unha tensión vital constante para todos os membros da familia, pero cando es un neno ou nena e o teu cerebro se está formando, a tensión crónica xera substancias tóxicas que afectan directamente ao neurodesenvolvemento, ao desenvolvemento cognitivo, á memoria, á linguaxe. 

Doutra banda redobra os seus efectos a través da vía indirecta. Esa tensión vital nas persoas adultas coidadoras condúceas a un estado de indefensión psicolóxica (todo na súa vida está determinado por circunstancias externas fóra do seu control, mercado laboral, medidas sociais… perciben que fagan o que fagan, as súas vidas non dependen dos seus logros) e isto provoca unha situación de fatiga psicolóxica que leva á depresión e á perturbación nas relacións entre pais e nais e os seus fillos e fillas, de maneira que estes non reciben os estímulos adecuados para o seu desenvolvemento: dispoñibilidade emocional dos seus pais e nais, sintonización coas súas necesidades, consistencia e coherencia nos coidados, empatía, amor. Estes factores condicionan completamente o equilibrio afectivo e mental.

Estrés crónico, carencias materiais básicas, ambiente relacional defectuoso, un cóctel tóxico que eleva os riscos de afectación da saúde mental da infancia, nunha espiral crónica que se reproduce inevitablemente se non cortamos o círculo de pobreza: pais e nais tensos, agoniados, irritables, deprimidos polas súas circunstancias, indefensos, incapaces de fornecer coidados materiais e emocionais aos seus fillos e fillas. Nenos e nenas moi pequenos vivindo unha tensión continuada que afecta o seu desenvolvemento cerebral, condicionando a súa saúde presente e futura. 

Urxe que nos deixemos de miradas limitadas sobre a pobreza e a abordemos como un grave problema de saúde pública. É preciso garantir a dotación de recursos específicos para infancia e mocidade con enfermidades mentais, en especial co incremento de especialistas en pediatría, unidades de día, atención psicolóxica a infancia e adolescencia e o Desenvolvemento da especialidade de psiquiatría infantil e xuvenil.

Mónica Permuy
Directora Xeral da Fundación Meniños

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *