25 de abril, Día da loita contra o maltrato infantil
Recibir un bo trato é unha das necesidades básicas dos seres humanos, o que adquire unha especial relevancia cando se trata de seres humanos en desenvolvemento. As consecuencias dos malos tratos supoñen un custe importantísimo e multidimensional para as nenas, nenos e adolescentes que os sofren. Primeiro, no seu desenvolvemento, impedindo ou dificultando un crecemento san a nivel de sistema nervioso, ao estar parte dos recursos e enerxía dispoñibles focalizados en sobrevivir á dor e estrés permanente; despois na súa socialización, ao medrar nun ambiente no que son modelados a partir de crenzas, actitudes e comportamentos disfuncionais e daniños. Ao mesmo tempo, as súas capacidades resilientes vense alteradas a causa da privación do aporte de redes sas e nutritivas; aparecendo feridas psicolóxicas e emocionais que teñen como resultado a xeración de mecanismos de defensa para facer fronte ao estrés desbordante e á dor, que impactan de modo estrutural no neno ou nena provocando desaxustes a nivel afectivo, cognitivo, condutual e relacional.
A miúdo estes nenos, nenas e adolescentes non son vistos, e moito menos protexidos coherentemente, pois non podemos esquecer que os nenos que sofren malos tratos no só son vítimas dos seus pais ou do seu contorno máis inmediato, senón que tamén son vítimas da violencia institucional e social. Segundo Barudy (2009), “a máis grave consecuencia da experiencia de malos tratos nos nenos e nenas é a perdida de confianza, a sensación permanente de ter que coidarse y protexerse dos outros: o crer que non hai ninguén dispoñible, con boa vontade ou intención cara a súa persoa”. Por tanto, debe ser unha das prioridades do noso traballo e unha das principais mensaxes que debemos transmitir a estes nenos e nenas ao recoñecelos como vítimas dunha situación inxusta, desculpabilizándoos, compartindo a súa rabia, a súa tristeza, dándolles a man mentres lles dicimos “xa no estás só ou soa, axúdame a entender a túa dor”.
A aprobación da Ley Orgánica de Protección Integral a la Infancia y la Adolescencia frente a la Violencia (LOPIVI) supuxo un grande avance en materia de protección dos nenos, nenas e adolescentes en España, emprazándoo como primeiro país en postular leis desta relevancia. Pero todas e todos os profesionais que traballamos nesta realidade sabemos que isto é só un principio e que debemos seguir unindo os nosos esforzos, se cabe máis que nunca, para conseguir unha sociedade máis sa, xusta, ética e non violenta, na que o bo trato á infancia e adolescencia constitúa, invariablemente, un alicerce fundamental.
Zaida Robles
Psicóloga
Fundación Meniños