Sistema de verificación anónima da AEPD
Un acceso precoz a contidos sen ter a suficiente madurez
Tres de cada cinco nenos e nenas menores de 18 anos accederon a contidos pornográficos algunha vez, segundo un informe de Save the Children de 2020 (“(Des)información sexual. Pornografía e adolescencia”). A metade da poboación enquisada o fixera antes dos 13 anos.
Por outra parte, un estudo recente da Asociación Valenciana de Consumidores e Usuarios (AVACU) desvelou que case sete de cada dez nenos e nenas de entre 10 e 12 anos teñen unha rede social, e a nivel estatal Unicef amplía este dato a un 98% do alumnado de 1º e 2º de ESO no seu estudo “Impacto de la tecnología en la adolescencia”, cuxos datos remataron de recollerse en marzo de 2021, co cal a maior parte dos enquisados eran menores de 14. Estas preocupantes cifras amosan claramente a necesidade dun sistema fiable de control de accesos aos contidos con restricións de idade, como o que se está a desenvolver actualmente liderado pola Axencia Española de Protección de Datos (un sistema de verificación anónima da AEPD).
Este sistema verificación anónima estará dispoñible para verán
Este novo sistema, que estará dispoñible en verán, permitirá limitar o acceso cando non se cumpran os requisitos de idade. O funcionamento será similar a un certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, pero coa particularidade de que será anónimo, asegurando a protección non só da infancia, senón dos datos persoais das persoas usuarias. Este sistema verificación anónima AEPD está enmarcado nun acordo máis global para a protección dos nenos e nenas en Internet, cunha futura lei sobre este tema e unha estratexia multidisciplinar dende o ámbito da educación, das competencias dixitais e da igualdade.
Podes ler máis info nesta ligazón.
Dámoslle a benvida a esta iniciativa, tan pioneira coma necesaria, e que facilitará que se realice un uso seguro das TIC e redes sociais nos nenos, nenas e adolescentes.
Se queres saber sobre as iniciativas que temos en Meniños para a promoción e prevención do bo trato na infancia e adolescencia, educación emocional e afectivo-sexual, podes ver máis neste apartado da web.