Presentación da campaña X Solidario en Galicia

Presentación da campaña na praza da Quintana en Compostela

Este venres 31 de marzo, as entidades sociais galegas representadas por EAPN Galicia (Rede Galega de Loita contra a Pobreza) da que formamos parte, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) da que tamén formamos parte, e Cermi Galicia (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) unímonos levando un grande X de tea sostido por persoas representantes de diferentes entidades sociais na praza da Quintana. 

Con este acto pedimos o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda, que, grazas a marcar o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecido como X Solidaria, poden axudar moito a persoas en risco de exclusión. 

Xunto con esta primeira acción, as ONG galegas lanzamos a campaña nas redes sociais con vídeos e fotos de persoas beneficiarias de programas financiados co X Solidario, baixo a etiqueta #ChámalleX. 

Por que marcar o X Solidario? 

Marcar o X Solidario non custa nada: nin pagas máis, nin che devolven menos. Do que hai que pagar na Declaración do IRPF o Estado saca un 0’7% para que cada quen decida en que se vai gastar. Se non se marca ningún recadro , será o Estado quen decida o que se fai con ese 0’7%.  

Na campaña do ano 2022, en Galicia 750.867 persoas marcaron o X Solidario, 785 persoas máis que no ano anterior, recadándose un total de 21.391.293€. Grazas a esa cantidade, este ano as organizacións de acción social levamos a cabo 607 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 182.904 persoas. Se todas as galegas e galegos marcasen o recadro 106, a asignación final en Galicia sería de 35.027.060€, é dicir, 13.635.767€ máis dos recadados. 

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *