A ollada apreciativa e o compás do Capitán Sparrow

Na imaxe, o Equipo de Integración Familiar da provincia de Pontevedra

Se es dos que soñan de cando en vez con abandonalo todo e abrazar a vida pirata tes que saber, grumetiño, que o obxecto máis prezado dos sete mares é e será sempre o compás máxico do Capitán Sparrow.

Por se non o sabías, este obxecto cobizado ten a peculiaridade de que a súa frecha no sinala ao Norte como o resto dos compases. O compás do capitán Jack indica o camiño para acadar aquelo que máis anhela un. Só hai que sostela con forza, e ter claro que é o que desexas desde as tripas.

E eu pregúntome, que pasa cando o que desexamos desde o máis profundo do noso embigo é o benestar e o crecemento do outro? 

Como conseguir o que desexamos? Pois basta con algo tan sinxelo e tan profundo como “miralo ben”. E que pasa se este “miralo ben” implica aprecialo, valoralo non pola súa historia ou a súa situación actual senón polo que podería chegar a ser, polas aptitudes e habilidades que ten e que pode potenciar? Será isto unha sorte de efecto Pigmalión pupilar? Ocorrerá como no mito grego e o noso namoramento da estatua que tallamos na nosa imaxinación obrará a maxia de facer que esta cobre vida?

Os seres humanos temos tendencia a converternos no que cremos ser. Esa visión dun mesmo condiciona enormemente tanto o que facemos, coma as nosas metas e expectativas de futuro, (o que soñamos ser). Algúns chamarían a isto profecías autocumpridas.

Cando nos miramos ao espello o reflexo que nos devolve está perfilado por como nos miran e nos teñen mirado os outros ao longo da nosa vida, en definitiva, polo que nos teñen feito crer que somos, pola trama de historias contadas por outros sobre nós mesmos.

Cando cres en alguén, cando confías nas súas capacidades e reforzas de forma honesta as súas fortalezas, estás dalgunha forma acompañándolle na súa travesía pola vida, lanzándolle un cabo no medio da tormenta, cambiando a dirección do barlovento, inflando as súas velas de popa a proa e en definitiva axudándolle a descifrar cara onde (“raios e lóstregos”) apunta o seu propio compás máxico.

Contábame Ana Berastegui, a min e a outro porrón de ansiosos alumnos-profesionais, que todas as palabras que soan a psicólogo e comecen polo prefixo “auto” necesitan previamente dun terceiro que chas transmita. Explicábame que para ter un bo “auto-concepto”, capacidade de “auto-regulación”, ou unha boa “auto-estima” …etc… primeiro tes que ter experimentado na túa propia pel unha ollada do outro que chetransmitira un bo concepto de ti mesmo, un terceiro que che regulara desde fóra, alguén que che estimase honestamente… ou en definitiva, o que viña a resumir o meu avó cando me dicía aquelo de “iso é que te mira ben”.  

Nunca é tarde para que te miren ben ou empezar a “benmirar”.

Un dos salvavidas que nos lanzan os avances en neurociencia fálanos da plasticidade do cerebro ao longo da vida, da maleabilidade dos procesos cognoscitivos e da melinización das conexións neuronais. Cirulnick cóntanos en moitos dos seus libros, como as experiencias de bo trato teñen tamén o potencial de cambiar esta mirada sobre nós mesmos, facéndonos sentir valiosos e merecedores de ser “bentratados”. Só de ter notado a carne de galiña na nosa caluga, estaremos en disposición de encrechar os cabelos da caluga do que temos en fronte (encrechar en positivo enténdese). Íñigo-Biraka, un dos meus gurús do universo blog, chama a isto “Pasear en Bogaboo” ás persoas coas que traballamos, falando de como os profesionais podemos configurándonos como un modelo de bo trato para os adultos aos que acompañamos e que teñen que “bencriar” aos seus cachorros humanos.

Que importante é na vida e na nosa travesía profesional a forma de ollar. Ser capaz de superar as etiquetas presentes, integrar as historias pasadas, atopar á persoa capaz, excepcional e resiliente que hai en todos nós a través da nosa ollada (a nosa máis potente ferramenta de traballo, pese a que ás veces as circunstancias requiran dunhas lentes novas, unha lupa de aumento ou incluso a veces un microscopio).  

A ollada desde a vista dun profesional é sen dúbida a súa ferramenta de traballo máis potente. O seu compás de Jack Sparrow, a súa confianza no futuro, na capacidade de cambio, e nas capacidades da persoa á que acompañamos. Esta ollada comprensiva e extraordinaria, ven a sumarse ao coro de olladas presentes e pasadas, algunhas veces distinta a todas as anteriores, e que ten o potencial de pasar a integrarse en ese reflexo do espello modificando esa visión dun mesmo que nos acompaña. 

Ás veces, cando antes de entrar en sesión cun pai, dime unha compañeira “a este ímolo inflar coma un balón” non podo evitar sorrir e responder cunha ollada de complicidade que suliña o obxectivo central do noso traballo. Coidar ao que coida, educar ao que educa, soster ao que ten que soster a outro, desbloquear ao que ten que axudar a desfacer o bloqueo dun terceiro e en definitiva crer e alimentar a confianza e a esperanza.

“Miña mamá mírame, eu miro á miña mamá”.

Porque esta maldición de bozos que agora vivimos non pode borrar o reflexo do teu sorriso nas miñas pupilas, porque para sorrir non nos fai falta a boca e porque sempre nos quedarán os ollos e as palabras para “benmirar”, “benpensar” e “bentratar” ao que temos en fronte. 

Que a maquillaxe non apague a túa risa, nin o teu instinto pirata de soñar e perseguir tesouros.

Juan A. Lechón
Equipo de Integración Familiar
Fundación Meniños – Vigo

Publicacións similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *