Benvidos á miña querida familia “disfuncional”
O Día das Familias non pode nin debe pasar desapercibido para nós, non porque necesitemos un día para pensar nas familias, porque as familias son o noso día, cada día, pero si porque este día permítenos amosalas ao mundo, este día ofrécenos unha oportunidade para valorar o papel das familias e reflexionar sobre elas como actores sociais, nos que se seguen a depositar multitude de responsabilidades e posiblemente pouca axuda para cumprilas.
A nosa vontade este ano difícil entre os difíciles é descargar, aliviar a carga, a lo menos a carga mental e emocional sobre as familias e avogar por visións mais interactivas e actualizadas que incorporen a responsabilidade social e os retos sociais actuais na comprensión das esixencias familiares. Por iso eliximos este provocador título e esta palabra que etiqueta con frecuencia a moitas das familias coas que traballamos en Meniños. Queremos darlle a volta completa ás etiquetas, desterralas e amosar as fortalezas que esconden.
Falamos de FAMILIAS, non de familia, porque a diversidade, a heteroxeneidade son sen dúbida características destacables e desexables nas familias. As familias reflexan a flexibilidade do sistema e momento social no que se desenvolven, o dinamismo e vitalidade das sociedades cambiantes e a forza do movemento imparable dos sistemas humanos. Mudan constantemente, sofren, medran, desorganízanse e reorganízanse co ritmo constante e imparable da evolución social.
A mirada sobre as familias pode revelar as súas fraxilidades e vulnerabilidades, pero tamén as súas fortalezas e talentos. A flexibilidade e diversidade son calidades magníficas que necesitan da nosa mirada selectiva, do noso aprecio e coidado, porque elas serán panca de cambio na mellora do funcionamento familiar para abordar os retos sociais que se lle presentan.
A palabra DISFUNCIONALIDADE, tan recorrida para pretender describir e agrupar todo o que non funciona, necesita tamén unha revisión sosegada, para discriminar e esmiuzar todo o que se agacha nela, para apreciar que tamén revela moitas posibilidades. Normalmente o que catalogamos como “disfuncional” é máis ben algo “desacertado” para acadar posiblemente un fin lexítimo, para intentar cubrir unha necesidade lóxica como familia. Posiblemente o que agora vemos como “disfuncional” foi “funcional” noutros momentos e seguramente dentro desa etiqueta desafortunada agrúpanse detalles, modos, xeitos, ansias, desexos e feitos que desagregadamente son acertados, positivos e funcionais.
Non se trata de negar e ignorar as dificultades, senón de guiar a observación e integrar a responsabilidade social para a ponderación equilibrada de todos os elementos e o seu dinamismo, de cara á aportación ás familias da axuda compensadora que necesitan para medrar como familia e poder exercer a súa función social protectora e fornecedora de coidados. Hai unha responsabilidade social compartida para axudar ás familias a cumprir as súas responsabilidades e adaptarse aos retos sociais actuais.
Todas as familias podemos recoñecernos nalgún momento, nalgunha das “disfuncionalidades”. Os “desacertos” son parte das nosas historias vitais que se escreben con éxitos e con fracasos, aprender dos segundos e sobre todo, ter a oportunidade de ser axudadas, é a mellor garantía para unha historia vital de crecemento e superación.
O indispensable nunha familia é a dispoñibilidade, a sensibilidade, o amor incondicional que compoñen a súa esencia na súa función de crianza.
Quen non podería dicir benvidos á miña querida familia disfuncional!
Mónica Permuy
Directora Xeral